Publicador de contidos

Publicador de contidos

PSOE e Sumar negocian aprobar medidas contra Israel no Consello de Ministros do próximo martes

PSOE e Sumar negocian aprobar medidas contra Israel no Consello de Ministros do próximo martes

A negociación chega despois de que Sumar lle expuxera ao PSOE o xoves pasado unha batería de medidas contra Israel para tratar de frear o "xenocidio" en Gaza

G24.gal 06/09/2025 18:53

Os socios de Goberno, o PSOE e Sumar, están a negociar unha serie de medidas contra Israel coa intención de aprobalas no Consello de Ministros do próximo martes, día 9, segundo confirmaron fontes gobernamentais á axencia EFE;  estas fontes non concretaron que tipo de iniciativas poderían saír adiante.

A negociación chega despois de que Sumar lle expuxera ao PSOE o xoves pasado unha batería de medidas contra Israel para tratar de frear o "xenocidio" en Gaza, entre elas, declarar persoa non grata o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e aprobar de forma inmediata a lei de embargo de armas.

Esta proposición de lei, rexistrada por Sumar xunto con ERC e Podemos no Congreso, acordouse tramitar pola vía de urxencia, pero o espazo político liderado por Yolanda Díaz expuxo ao PSOE a posibilidade de que sexa aprobada directamente no Consello de Ministros como real decreto lei.

A propia vicepresidenta segunda no Goberno de coalición e líder de Sumar, Yolanda Díaz, explicou este sábado que están a traballar co PSOE para "avanzar" neste paquete de medidas contra Israel, coa vista posta no Consello de Ministros do próximo martes.

Durante unha visita á localidade madrileña de Alcorcón, Díaz declarou aos medios que instou a romper relacións con Israel e impoñer sancións a este Goberno, ao que cualificou de "xenocida".

"Por que o facemos con Rusia e non o facemos con Israel? Hai unha dobre vara de medir na legalidade internacional? Non, non a hai. Temos que romper todo tipo de relacións comerciais con Israel e temos que axilizar con carácter inmediato a proposición de lei de Sumar sobre o embargo (de armas)", dixo.

Esta iniciativa parlamentaria, que foi admitida a trámite, propón incorporar a figura do embargo á lexislación española e habilitar así a súa aplicación efectiva para o comercio de armas a Israel.

Os cinco ministros de Sumar expuxeron o xoves pasado aos seus socios de Goberno do PSOE outras medidas, como retirar a embaixadora española en Tel Aviv, impedir o uso de aeroportos e portos españois para o tránsito de armas con orixe ou destino a Israel, así como excluír  empresas con vínculos directos ou indirectos coa industria militar israelí ou con operacións comerciais e loxísticas relacionadas co conflito en Gaza.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade