Publicador de contidos

Publicador de contidos

Quen é o "lobo solitario" que quería entrar armado na cea anual de correspondentes?

Quen é o "lobo solitario" que quería entrar armado na cea anual de correspondentes?

Cole Tomas Allen, de 31 anos e residente en California, estudara enxeñería pero traballaba como mestre

Arrestado polo Servizo Secreto, está acusado de dous delitos graves por tenencia de armas de fogo e agresión

Imaxe publicada por Trump na súa rede social
G24.gal 26/04/2026 13:12 Última actualización 26/04/2026 15:08

As autoridades non facilitaron o nome do sospeitoso que intentou entrar armado na cea anual da asociación de correspondentes da Casa Branca, na que participou Trump por primeira vez como presidente.

Porén, os medios locais e internacionais aseguran que se trata de Cole Tomas Allen, un home de 31 anos residente en Torrance, no estado de California, que traballaba como mestre.

O arrestado no chan do hotel. Bill Frischling vía REUTERS O arrestado no chan do hotel. Bill Frischling vía REUTERS

Que se sabe da súa identidade?

O propio Trump compartiu na súa rede Truth Social imaxes do arrestado, entre elas, unha fotografía na que se lle ve esposado no chan do hotel. Tamén publicou imaxes das cámaras de seguridade do recinto.

Na metraxe, en branco e negro e de escasa calidade, vese o home correndo a toda velocidade no control de seguridade de acceso e a varios membros do Servizo Secreto desenfundando as súas armas e disparando.

Con todo, ningunha das mensaxes do mandatario republicano leva un texto adxunto que identifique o detido. Iso si, na súa comparecencia na Casa Branca tras o incidente, asegurou que era un "tolo" e un "lobo solitario".

Segundo explicou, non chegou a traspasar o perímetro de seguridade e disparou contra un dos axentes que se atopa en bo estado grazas ao chaleco antibalas.

A vivenda do sospeitoso. REUTERS A vivenda do sospeitoso. REUTERS

Quen é o sospeitoso?

Malia a escaseza de detalles oficiais, tras coñecerse a súa identidade, varios medios aseguran que se trata dun enxeñeiro, con experiencia nos videoxogos.

Porén, dacordo co perfil da súa conta de LinkedIn, traballaba como profesor na empresa de preparación de exames C2 Education.

O presidente do Asian American Civic Trust, Dylan Wakayama, detallou ao xornal Los Angeles Times, que Allen daba clases particulares a varios estudantes de secundaria desta organización sen ánimo de lucro.

Tamén dixo que o definían como unha persoa "moi intelixente, con gran dominio da bioloxía, as matemáticas e as ciencias", ademais de "amable e tranquila".

O momento da detención do sospeitoso. Bill Frischling vía REUTERS O momento da detención do sospeitoso. Bill Frischling vía REUTERS

Enxeñeiro mecánico e informático

Estudou enxeñaría mecánica no Instituto Tecnolóxico de California (CalTech), unha universidade privada situada en Pasadena, e logo traballou como desenvolvedor de software para unha aplicación de ensino.

Ademais, ten un mestrado en ciencias informáticas pola Universidade Estatal de California, fixo prácticas de verán cando aínda non estaba graduado na NASA e, alén do seu traballo como mestre, defínese como "desenvolvedor de videoxogos independente".

O sospeitoso, que non resultou ferido pero foi trasladado a un hospital, está acusado de dous delitos graves, relacionados coa tenencia de armas de fogo e agresión, segundo detallou a fiscal federal para o distrito de Columbia, Jeanine Pirro.

"Este individuo tiña intención de causar o maior dano posible", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade