Trump di que o sospeitoso do tiroteo actuou por "motivos anticristiáns"
Cristais rotos no hotel Hilton. REUTERS/Kylie Cooper
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegura que o sospeitoso do tiroteo ocorrido na cea de correspondentes da Casa Branca actuou movido por un "odio" profundo cara aos cristiáns.
Nunha entrevista telefónica coa cadea Fox News, o mandatario describiu o atacante como un "tipo moi problemático", cun transfondo relixioso radical, baseándose nun manifesto e informacións solicitadas polas autoridades.
"Cando les o seu manifesto, odia aos cristiáns. Iso é seguro. É un odio forte, anticristián", sinalou.
Segundo o republicano, a propia familia do sospeitoso estaba ao tanto das súas dificultades e tendencias violentas.
"A súa familia sabía que tiña dificultades. Talvez deberían denuncialo cun pouco máis de firmeza. Probablemente é algo difícil de facer, supoño, pero é unha situación moi, moi mala".
Pola súa banda, o fiscal xeral interino dos Estados Unidos, Todd Blanche, revelou que as investigacións preliminares suxiren que o detido tiña como obxectivo altos cargos do Goberno, incluído "probablemente" o presidente.
En declaracións á NBC, asegurou que os dispositivos electrónicos e as entrevistas cos seus coñecidos apuntan a un ataque dirixido contra membros da Administración.
Imaxe do detido publicada por Trump na súa rede. REUTERS
O sospeitoso
O arrestado, identificado como Cole Allen, de 31 anos e natural de California, estudou enxeñería mecánica nunha universidade privada pero traballaba como profesor.
As autoridades reconstruíron o traxecto do atacante, que viaxou en tren desde Os Ánxeles a Chicago e de alí a Washington D.C., onde se rexistrou no hotel un ou dous días antes do evento.
O fiscal xeral confirmou que o sospeitoso comprou as dúas armas que portaba nos últimos 24 meses e que non está a colaborar. Agárdase que o luns compareza ante un tribunal no distrito de Columbia para enfrontar cargos formais.
A evidencia inicial indica que actuou só, pero esta interpretación, ao igual ca os motivos do ataque, podería cambiar a medida que avacen as pescudas.
Trump compareceu na Casa Branca tras o tiroteo. REUTERS/Jonathan Ernst
Arestora atópase baixo custodia hospitalaria para unha avaliación pero non está ferido. O Servizo Secreto reduciuno no vestíbulo do hotel Washington Hilton tras activar os protocolos de emerxencia.
Tras evacuar o presidente, a primeira dama e o resto do gabinete presente no salón, desaloxouse a sala onde se celebraba a cea anual de correspondentes da Casa Branca.
REUTERS/Kylie Cooper