Rueda regresa "satisfeito" da China e agarda resultados "frutíferos" na automoción
Nun vídeo gravado nun tren de alta velocidade, o presidente da Xunta destacou os encontros que mantivo con operadores turísticos para promocionar o Xacobeo 27; coa empresa de eólicos Goldwing e, sobre todo, coa industria da automoción
Rueda agarda darlle continuidade a estes contactos para atraer novos investimentos chineses a Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, regresa da China "satisfeito" coas reunións de traballo que mantivo durante os tres días de viaxe oficial ao país asiático. Nun vídeo difundido aos medios e gravado nun tren de alta velocidade camiño a Pequín para embarcar cara Galicia, o xefe do Goberno galego fixo balance da súa primeira visita institucional a China.
Un dos eixes centrais da viaxe, na que Rueda estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foron as reunións con empresas líderes no sector da automoción como SAIC Motors. O titular do Goberno galego trasladou aos directivos chineses as vantaxes competitivas de Galicia, destacando a solvencia da industria auxiliar e a estabilidade institucional como "piares" para atraer novos proxectos.
A axenda tamén incluíu unha xuntanza coa empresa Goldwind sobre enerxías renovables, un ámbito no que a Comunidade aspira a ser líder grazas ao seu potencial hídrico e eólico, que é “un ámbito no que Galicia ten un enorme potencial”. No eido turístico, a delegación galega mantivo estes días encontros con importantes operadores do país asiático co obxectivo de promocionar o Xacobeo 2027.
Antes de inciar a viaxe de volta a Galicia, o presidente da Xunta fixo un balance positivo da visita e amosouse "satisfeito" polos contactos establecidos. Alfonso Rueda agarda que as reunións coa industria da automoción, que permitiron poñer de relevo “que investir en Galicia é unha moi boa idea", dean resultados "frutíferos" e indicou que “agora por suposto teñen que seguir”.