A Xunta pídelle ao Goberno axilidade para poder convocar as axudas de vivenda
A conselleira de Vivenda lamenta que o Plan Estatal chega tarde, con opacidade e que invade competencias das comunidades
María Martínez Allegue asegura que a declaración de zona residencial tensionada é unha medida ineficaz
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas afirma que o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 que acaba de aprobar o Consello de Ministros “chega moi tarde porque xa tiña que estar en vigor dende o un de xaneiro de 2026”.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, María Martínez Allegue explicou que a publicación no Boletín Oficial do Estado non implica que as comunidades autónomas xa poidan convocar as axudas para a adquisición ou o alugueiro de vivendas porque aínda non se acordou como quedará a repartición dos fondos.
Este tema, segundo explicou, abordarase nunha reunión de directores xerais a semana que vén e, posteriormente, nunha conferencia sectorial.
Así as cousas, a conselleira de Vivenda pídelle ao Goberno “dilixencia e axilidade” para que acorde, canto antes, a repartición definitiva dos fondos e a formalización dos convenios coas comunidades de maneira que se desbloqueen as axudas destinadas á vivenda.
“Pedimos dilixencia e axilidade para formalizar os convenios o antes posible porque Galicia quere convocar esas liñas de axudas nesta anualidade 26. Na situación na que estamos non podemos non convocar axudas para que os promotores constrúan vivenda, para que as comunidades de propietarios rehabiliten ou as axudas ó alugueiro para a mocidade, todas as que dependen do Plan Estatal”.
María Martínez Allegue asegura que a dotación económica do Plan Estatal de Vivenda é “insuficiente". O Goberno destinará a esta iniciativa sete mil millóns de euros. O Executivo central achegará o 60% dos fondos e o 40% restante, as comunidades. A Galicia corresponderanlle 400 millóns.
“A dotación económica é insuficiente e dixémolo nun primeiro momento….400 millóns de euros para os vindeiros cinco anos para todo o que temos que facer, para construír esas vivendas de promoción pública, para urbanizar o solo, para axudar a superar esas eivas económicas con axudas á compra, axudas ao alugueiro, para as axudas á rehabilitación, semella pouca cantidade. Pola nosa parte, por suposto que estaremos dispostos a cofinanciar máis se se reparten máis fondos”.
A titular de Vivenda tamén reiterou que o Plan Estatal “claramente invade competencias” ao blindar a cualificación de protección pública.
“Na nosa comunidade temos esa protección pública permanente porque o establecemos nunha norma con rango de lei autonómica porque é unha competencia autonómica. Evidentemente non podemos impór a outras comunidades autónomas medidas coas que, ao mellor, non están dacordo. De feito o Tribunal Constitucional xa se decantou nese senso. A Lei de Vivenda de 2023 foi declarada inconstitucional nese apartado ao establecer que serán as comunidades autónomas as que determinen se esa cualificación é permanente ou non”.
Pacto de Vivenda de Galicia
A conselleira de Vivenda contrapuxo o Plan Estatal ao Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 que a Xunta asinou co sector o pasado mes de febreiro.
“A Xunta de Galicia cumpriu cos seus deberes. Temos un Pacto de Vivenda que foi aprobado por unanimidade de todo o sector e que, xunto cos orzamentos, permitiu que teñamos convocadas todas as liñas de axuda que dependen de fondos autonómicos. Moitas delas, xa resoltas, incluso esgotaron o crédito”.
Entre esas liñas de axudas, María Martínez Allegue destacou ás destinadas á rehabilitación en concellos de menos de cinco mil habitantes. Tamén as axudas para a compra de vivenda protexida, para adquirir unha residencia nun centro histórico ou as destinadas a mobilizar vivenda baleira a través do programa “Fogar Vivo”.
Zona residencial tensionada
A titular de Vivenda tamén se referiu á declaración de Santiago como zona residencial tensionada logo de que a Xunta dese o visto e prace.
María Martínez Allegue deixou claro que o goberno galego é contrario a unha medida que considera “totalmente ineficaz” porque, ao seu entender, “mingua a oferta” tal e como "corroboran" os datos das cidades que contan con está declaración en Cataluña, en Navarra e, no caso de Galicia, da Coruña.
“A zona de mercado residencial tensionado está a causar efectos contrarios aos desexados. A Coruña foi declarada zona tensionada en agosto do ano pasado. En xullo formalizáranse preto de 800 contratos de alugueiro. Este mes de febreiro foron apenas 350. É dicir, estanse a retirar vivendas do mercado do alugueiro”
Pola contra, a responsable de Vivenda aposta por incentivar aos propietarios para que saquen ao mercado vivendas baleiras.
“O que temos que facer é axudar, incentivar para que ese propietario poña a súa vivenda no mercado de alugueiro. Por exemplo, unha medida moi sinxela que facemos aquí en Galicia é Fogar Vivo. Damos unha pequena axuda para comprar electrodomésticos, rehabilitar ventás, cambiar as portas e tamén tres mil euros para sufragar un seguro de non pagamento das rendas”.
María Martínez Allegue explicou que esta iniciativa permitiu poñer no mercado, “a prezos razoables”, 239 vivendas que levaban anos baleiras. Tamén lembrou que aínda está aberta a convocatoria deste ano.
A conselleira de Vivenda indicou que a Xunta ten o obxectivo de incrementar o número de vivendas dispoñibles no mercado de alugueiro e de venda.
“Temos claro que para isto temos que incentivar que se constrúa vivenda protexida pero tamén temos que construir vivenda pública dende a Xunta de Galicia. Actualmente temos catro mil vivendas de promoción pública. O reto é que as dupriquemos en 2028 ata chegar ás oito mil”
Martínez Allegue indicou que as primeiras entregaranas este mesmo ano. Son as dos barrios de Lamas de Abade e do Castiñeiriño, en Santiago e as da zona de Valdecorvos, en Pontevedra.
Tamén lembrou que para aspirar a un destes pisos é preciso inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
Un rexistro, explicou, que o Ministerio quere empregar, a partir de agora para evitar fraudes na adxudicación de vivendas públicas. Con todo, lamentou que non estea a utilizar esta ferramenta nos pisos da Sareb e da empresa pública Casa 47 que está a ofertar en Vigo.
“Nós en Galicia levamos décadas adxudicando a través dun rexistro público e dun sorteo notarial pero chama a atención que o Ministerio non o faga...Polo tanto, a ministra non está a aplicar unha política antifraude que nós xa temos implantada en Galicia. Semella un pouco de hipocresía”
María Martínez Allegue tamén defendeu a recente decisión da Xunta de modificar os límites máximos de ingresos das familias para acceder a vivendas de promoción pública e ás distintas modalidades de protección autonómica.
“Vímonos na necesidade de incrementar ese límite máximo que había ata o de agora para que máis unidades familiares puidesen acceder. Por exemplo, antes unha parella que tivese máis de dous mil euros xa non podía acceder a unha vivenda de promoción pública. Semellaba que incluso estabamos a cercenar a posibilidade de que os dous membros da unidade familiar traballasen”.