Netanyahu ordena atacar "con contundencia" a Hezbollah no Líbano
Israel acusa a Beirut de violar o alto o fogo tras interceptar dous proxectís e un dron lanzados dende o seu territorio
As tropas xudías contínuan atacando a diario o país veciño onde este sábado morreron polo menos tres persoas
Netanyahu en Xerusalén esta semana. ILIA YEFIMOVICH/Pool vía REUTERS
O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, ordenou este sábado ao Exército atacar "con contundencia" ao grupo xiíta Hezbollah no Líbano.
"O primeiro ministro Netanyahu ordenou ás Forzas de Defensa de Israel (FDI) que ataquen con contundencia os obxectivos de Hezbollah no Líbano", dixo a súa oficina nunha breve mensaxe.
O anuncio prodúcese despois de que o Exército hebreo interceptara dous proxectís e un dron lanzados desde o Líbano, o que considera unha "flagrante violación" do alto o fogo vixente.
Malia a tregua de tres semanas anunciada polos Estados Unidos o venres de madrugada, Tel Aviv ataca acotío o país veciño. Este sábado, polo menos catro persoas morreron en dous bombardeos contra un camión e unha motocicleta.
Ademais, Israel confirma o bombardeo de infraestruturas de Hebollah no sur do Líbano, incluído un depósito de armas.
"As FDI continuarán actuando con contundencia contra as ameazas dirixidas contra a poboación civil israelí e os seus soldados, de acordo coas directrices do alto mando político".
Durante a fin de semana, as súas tropas mataron máis de 15 presuntos membros do grupo xiíta no sur do país, onde manteñen unha franxa ocupada.
Do mesmo xeito, o Exército xudeu advertiu á poboación libanesa desprazada que non volva aos seus fogares nunhas sesenta localidades porque as súas tropas continúan posicionadas alí.
Segundo as autoridades sanitarias do Líbano, polo menos 2.491 persoas morreron e outras 7.719 resultaron feridas nese país por ataques de Israel desde que Hezbollah volveu lanzar proxectís contra Israel a partir do 2 de marzo.