Trump, evacuado da cea coa prensa en Washington tras un tiroteo
O Servizo Secreto neutralizou un home armado que intentou acceder ao evento celebrado no hotel Hilton
O tirador, de 31 anos e natural de California, está detido e sospéitase que estaba aloxado no establecemento
Un axente resultou ferido ao recibir un tiro no peito, pero salvouse grazas ao chaleco antibalas
Momento no que o Servizo Secreto evacúa a Trump. REUTERS/Bo Erickson
O presidente estadounidense, Donald Trump, foi evacuado de xeito abrupto este sábado da tradicional cea da asociación de correspondentes da Casa Branca despois de que un home armado, que foi interceptado e detido, intentara entrar ao evento.
Os centos de asistentes á cita, que incluían á plana maior do Goberno, tiveron que ser evacuados. Trump explicou minutos despois, nunha conferencia de prensa na Casa Branca, que o atacante era un "tolo" e un "lobo solitario".
Axentes de seguridade evacúan unha convidada. REUTERS/Jonathan Ernst
Segundo confirmou, non chegou a traspasar o perímetro de seguridade no que o mandatario ceaba acompañado da primeira dama, Melania Trump, o vicepresidente, JD Vance, e centos de xornalistas e membros do mundo da política de Washington.
Foi identificado como Cole Tomas Allen, un mestre de 31 anos e natural de California. As forzas de seguridade sospeitan que estaba aloxado no hotel Hilton, onde se desenvolvía a velada.
WATCH: The moment President Trump was escorted out of the White House Correspondents’ Dinner after loud noises were heard. pic.twitter.com/dMt46TGhlo
— Donald J Trump Posts TruthSocial (@TruthTrumpPost) April 26, 2026
A fiscal xeral de Distrito de Columbia, Jeanine Pirro, indicou nunha comparecencia posterior que o atacante ingresou no perímetro de seguridade armado cunha escopeta.
O home está "vivo", hospitalizado e baixo vixilancia tras seren neutralizado nos mesmos corredores do hotel. Un membro do Servizo Secreto, responsable da seguridade do presidente, foi alcanzado no chaleco antibalas pero atópase ben.
O presidente dos Estados Unidos compartiu, a través da súa rede Truth Social, unha serie de imaxes e un vídeo que amosan o momento da detención e a persecución do sospeitoso do tiroteo.
Imaxe do detido publicada por Trump na súa rede/REUTERS
As mensaxes publicadas polo mandatario carecen de texto adxunto e limítanse á difusión de material visual sobre o incidente. Na comparecencia posterior, Trump dixo que o home "foi interceptado por algúns membros moi valentes do Servizo Secreto, que actuaron con moita rapidez".
"Un axente resultou ferido de bala, pero salvouse grazas a que levaba un chaleco antibalas de excelente calidade. Disparáronlle a pelacorpo cunha arma moi potente, e o chaleco cumpriu a súa función. Acabo de falar co axente e atópase moi ben", engadiu Trump.
Os axentes, que evacuaron o presidente e o resto de altos cargos presentes na cea, detectou o individuo nun dos controis de seguridade do hotel antes de detelo.
Varios convidados protéxense tras o tiroteo. REUTERS/Evan Vucci
Tres detonacións
Un xornalista de EFE que se atopaba na cea explicou que se escoitaron tres detonacións fóra da sala de baile onde se celebraba a cea, presidida por unha mesa sobre un escenario na que estaban sentados o presidente e a primeira dama.
Trump e os membros do Goberno foron rapidamente evacuados polo Servizo Secreto, mentres o resto de convidados refuxiouse debaixo das mesas. Tras uns minutos de incerteza, os axentes de intelixencia informaron que era seguro abandonar o lugar.
Trump coa súa dona na mesa presidencial. REUTERS/Jonathan Ernst
Esta era a primeira vez que Trump asistía como presidente á Cea de Correspondentes, un evento anual que organizan os xornalistas que cobren a Casa Branca para celebrar a liberdade de prensa.
O republicano, que mantén unha tensa relación cos medios de comunicación, boicoteouna durante o seu primeiro mandato. O magnate republicano anunciou que a cea se vai reaxendar para dentro dun mes.
Rivais políticos como o alcalde de Nova York, Zohran Mamdani, ou a veterana congresista demócrata, Nancy Pelosi, mostraron o seu apoio a Trump e condenaron a violencia nas súas redes sociais.
Intervención de Trump na Casa Branca. REUTERS/Jonathan Ernst