Os Estados Unidos recuperan o "Departamento de Guerra" para "pasar á ofensiva"
O responsable da carteira asegura que o obxectivo é "restaurar o espírito guerreiro do Exército dos EUA"

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, oficializou este venres o cambio de nome do Departamento de Defensa que pasa a chamarse Departamento de Guerra, antiga denominación que a carteira recibiu desde 1789 ata 1947.
"Creo que é un nome máis apropiado, especialmente á luz da situación do mundo. Temos o Exército máis forte do mundo", dixo Trump na Casa Branca ao asinar a orde executiva coa que establece o regreso da entidade ao seu antigo nome.
O mandatario xustificou o cambio, previsto desde hai unhas semanas, porque -segundo advertiu- baixo ese nome os Estados Unidos "obtiveron algunhas das súas máis grandes vitorias militares" e agregou que a súa decisión permite "abrazar esa gran liñaxe".
Polo momento, descoñécese se o Congreso deberá avalar a decisión. Durante a presentación deste cambio, Trump estivo acompañado polo secretario a cargo da carteira, Pete Hegseth, e o xeneral Dan Caine, xefe do Estado Maior Conxunto.
Momentos despois da sinatura, a web do departamento actualizou o seu nome e oficiais do Exército fixeron o cambio das letras do letreiro do muro da fachada do Pentágono para colocar o novo título.
Hegseth insistiu en que "non se trata só de cambiar o nome, trátase de restaurar o espírito guerreiro" do Exército dos EUA. Caine, pola súa banda, prometeu a Trump que "o Departamento de Guerra vai loitar de xeito decisivo, non en conflitos interminables".
"Vai loitar para gañar, non para non perder. Imos pasar á ofensiva, non só á defensiva", agregou.
A idea de restaurar o "Departamento de Guerra" foi mencionada por primeira vez pola Administración no mes de marzo, cando Pete Hegsth sacou a relucir o tema pero sen detallar se a iniciativa implicaría cambios estruturais no funcionamento do Pentágono.
O Departamento de Guerra foi o nome oficial da institución militar estadounidense ata 1947, cando se reformou e pasou a chamarse Departamento de Defensa como parte dunha estratexia máis diplomática durante a Guerra Fría.