Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un curtocircuíto provoca un incendio no barrio do Ventorrillo da Coruña

Un curtocircuíto provoca un incendio no barrio do Ventorrillo da Coruña

Ocorreu na tardiña de onte na rúa Agra de Bragua, e a proximidade das lapas aos condutos do gas fixo temer o peor

A pronta reacción e intervención dos bombeiros evitou que houbese danos persoais

 

G24.gal 26/05/2022 13:48

A hora na que se declarou e a pronta reacción dos veciños para avisar os bombeiros. Estas foron as claves para que un incendio no cadro eléctrico dun edificio do barrio do Ventorrillo, na Coruña, non tivese consecuencias fatais. A proximidade das lapas aos condutos do gas fixo temer o peor.

Pasaban das sete da tarde cando unhas chispas alertaron un veciño do edificio de en fronte, que rapidamente chamou os bombeiros. Precisamente a hora na que se declarou o incendio e a pronta reacción evitou que houbese unha desgraza, pois as lapas pronto se propagaron. 

O intenso fume, que se coaba polas escaleiras da comunidade, alertou os veciños do número 36 de Agra de Bragua, que saíron á rúa mentres non chegaban os efectivos de emerxencia. Temían que as lapas afectasen o conduto de gas xusto ao lado dos cables e o cadro que estaba a arder.

A veciñanza aínda hoxe comentaba o sucedido. As consecuencias, afortunadamente, foron só apagóns en varios edificios da rúa, quedando establecida a subministración eléctrica pasadas as once da noite, e cortes nas conexións de telefonía e Internet. Esta mesma mañá, varios operarios estaban a traballar para solucionalo.

Non houbo que lamentar danos persoais, si materiais, pero só na fachada, que debido ás altas temperaturas derreteuse unha parte. Os veciños puideron volver, aliviados, pasadas unhas horas, ás súas vivendas, que non se viron afectadas nin polas lapas nin polo fume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade