Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un curtocircuíto, posible causa dun incendio nunha vivenda de Bande

Un curtocircuíto, posible causa dun incendio nunha vivenda de Bande

A casa está deshabitada

G24.gal 11/12/2023 20:23 Última actualización 11/12/2023 20:46

Os estragos do lume fanse evidentes apenas unhas horas despois do incendio.

"Dixeron que ardera un cuarto, que ardera todo: o colchón, a cama, o armario cheo de roupa, e alí, que ardeu todo".

Foi a primeira hora cando un veciño deu a voz de alarma ao ver como saía fume polo tellado na parte traseira da casa.

"Un que traballa no Concello avisoume de que había fume; segundo abrín a porta, xa vin. Tentamos apagalo cos extintores, non demos, e chamamos os bombeiros".

A casa está deshabitada dende hai trinta anos e os seus propietarios viven fóra. Por iso e porque os servizos de urxencia actuaron rapidamente non houbo que lamentar danos persoais.

"Tamén ligou ben que un veciño de aí enfronte ten as chaves da casa, entón non houbo que arrombar portas nin nada. Estiveron tres coches de bombeiros, os de Lobios, os de Muíños e os de aquí, e aí cunha mangueira botando auga, iso ten que estar todo perdido porque é todo madeira, todo vernizado, iso arde coma velas".

O andar superior é o máis afectado; o lume propagouse rapidamente pola madeira do teito, o chan, os mobles e a roupa que había gardada. O fume e a auga que tiveron que utilizar para extinguir as lapas fixeron o resto. Por iso os danos materiais son cuantiosos. Aínda así, din que o importante é que ninguén quedou ferido.

"Non foi nada para o que puido pasar. Se chega a ser de noite aínda moito peor polas dúas casas do lado e a seguinte, que case seguro que lle tocaría".

As causas do incendio están aínda por determinar, pero considérase a posibilidade de que puidese ser un curtocircuíto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar