Un coro de 500 voces infantís canta a Castelao en Rianxo
Foi na novena edición de No bico un cantar, un proxecto que pon música á tradición literaria galega
Outros anos dedicouse No bico un cantar a Rosalía en Santiago, a Cabanillas en Cambados, a Curros en Celanova, aos trobadores medievais en Cangas ou aos alalás en Betanzos. E este ano tiña que ser para Rianxo e Castelao, 75 anos despois do seu pasamento.
Baixo a dirección de Maximino Zumalave, nenos e nenas de toda Galicia interpretaron pezas coma Lela, o pranto pola famosa Lela de Os vellos non deben de namorarse, ou Ondiñas da nosa ría. A rianxeira, que non podía faltar.
Como cada ano, tamén cantaron unha peza composta para eles. A que se estreou este ano foi Daniel, composta por José Luís do Pico sobre un poema de Emilio Pita.
E, tamén como cada ano, pecharon o concerto co Maio longo de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto organizado polo Consello da Cultura Galega e a Xunta, coa colaboración neste caso do Concello de Rianxo.
O ano que vén, No bico un cantar viaxará a Vilalba en homenaxe aos poetas da Terra Cha.