Un condutor perde o control do coche en Toén e queda espetado nunha horta
O condutor perdeu o control do coche ao pouco de arrincar, levou por diante o valado e as pedras de grandes dimensións e quedou espetado nunha horta tras caer por un desnivel de case tres metros
O coche, un BMW de alta cilindrada, participaba nunha exposición en Toén, un dos actos que se organizan estes días en Ourense por motivo do Rally. Pouco despois de arrancar, contra as once da noite, nun tramo de boa visibilidade o condutor perde o control. O coche quedou pendurado nun desnivel duns tres metros caendo nunha desas hortas onde moitos traballan estes días.
"Non é que caera só o coche, caeron o coche, as pedras, o muro, o valado da estrada, todo!. E a verdade é que foi unha impresión ver o coche así e, sobre todo, que non lles ocurrese nada os dous ocupantes do coche porque non lles ocorreu absolutamente nada. Caeu aquí na zona dos pementos, aquí había 108 plantas".
Pepe non estaba na casa no momento do sinistro, pero si os seus veciños que foron os primeiros en asistir os ocupantes do vehículo.
"Un dos que ían dentro xa saíra e o outro saíu polo seu propio pé pola esquerda do coche e os dous estaban ben gracias a deus. Salvounos o coche".
O sinistro ten moi sorprendidos os veciños de Toén, din que foi unha sorte que non rematara en traxedia.
"Se en vez de ser as once da noite, chega a ser as once da mañá por aquí hai moita xente que pasea e hai movemento de xente pola estrada".
"Iso, meu Deus, se cruza un coche..porque el ía cara a Ourense, imaxina que viñese un coche cara a aquí".
"Oes, dá unha impresión que miña nai, como para matarse, digo eu, outros con menos..."
O caso é que todo quedou nun susto, sen feridos de gravidade e iso si con importantes danos materiais, unha historia que se volveu case viral, e como ben lembra Pepe, cunha diminución notable na colleita de pementos deste ano.
"A traseira non, pero o fociño quedou como picado, en vez dun pemento, un BMW. A ver se podo recuperar algúns, pero prácticamente a colleita de pementos deste ano está fastidiada".
Agarda que arranxen os danos canto antes e poder recuperar máis cedo que tarde o que quedou da súa horta.