Un coche esnáfrase contra un escaparate e atropela dúas persoas en Ourense
A condutora perdeu o control do vehículo cando entraba nun aparcadoiro
Os atropelados resultaron feridos leves, pero o establecemento ten importantes desperfectos
O accidente produciuse a media tarde, cando a condutora tentaba entrar neste aparcadoiro da rúa Concordia. Ao parecer, o vehículo quedou subido á beirarrúa e, por motivos que se investigan, acabou esnafrado neste escaparate.
"A pobre debeu quedar bloqueada e acelerou coa dirección virada cara ao escaparate. Entrou coa roda xirada e esnafrouse contra o noso establecemento", explica Nuria Vidal González, xerente da tenda afectada.
A peor parte levárona dúas persoas que estaban mirando o escaparate e resultaron feridas leves tras o impacto. Na tenda non quitan o susto do corpo polo que puido ser.
"A miña compañeira acababa de moverse cara ao mostrador... puido ser moito peor, menos mal que os feridos foron leves"
Os desperfectos son considerables e o establecemento permanece pechado, pero cun gran furado na parede, á espera da peritaxe.
"Esta noite tivo que vir un garda vixiar. Como non veñan hoxe, terá que regresar esta noite, non podemos deixar a tenda con ese burato"
Este é o segundo accidente similar que se produce no centro de Ourense nos últimos días. Hai unha semana outro coche invadía a beirarrúa e acababa batendo cun farol na rúa Curros Enríquez. Foi precisa a intervención dos bombeiros, pero, por sorte, non houbo que lamentar feridos.