Un camión queda atrapado nunha gabia ao intentar esquivar un coche en Cecebre
Non se rexistraron feridos. Os danos foron só materiais.
Os veciños piden, unha vez máis, a ampliación da vía
Atrapado nunha gabia duns trinta centímetros de profundidade. Así quedou un tráiler ao intentar esquivar un coche que viña de fronte pola vía que une Guísamo e Guiliade, no concello de Bergondo.
"A vía é moi estreita e, ao intentar evitar o impacto contra un vehículo, meteuse no foxo", explica Oliva Trasancos, de Protección Civil de Bergondo.
Malia a aparatosidade do sinistro, non hai que lamentar feridos. Os danos foron só materiais.
"Un pouco o peche dunha casa e, o camión, rompeu o espello dereito e ten danos menores na caixa", engade Trasancos.
É o saldo do último accidente acontecido nesta zona cualificada polos veciños como un punto negro na circulación.
"Isto é frecuente. Estes accidentes son continuos e hai uns anos morreu aquí un ciclista tras bater contra un camión".
E por iso os veciños, unha vez máis, piden a ampliación deste treito da vía. Desta volta, o accidente provocou retencións durante case tres horas. Contra as once e media da mañá, o tráiler foi retirado e a estrada quedou liberada.