Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os incendios provocaron un aumento dos accidentes con animais

Os incendios provocaron un aumento dos accidentes con animais

A máis afectada foi a provincia de Ourense, cun incremento do 30 % no mes de agosto

Entre xaneiro e setembro houbo nesta provincia máis dun milleiro de sinistros e falta o trimestre máis problemático

 

G24.gal 29/09/2025 14:20

Un xabaril apareceu ferido este ano na estrada local de San Paio, en Ribadavia, presuntamente por un golpe contra un vehículo que non deu parte. Outras imaxes, tamén deste ano, en estradas da comarca do Ribeiro amosan un accidente dun motorista contra un xabaril, en Beade, e outro choque con xabaril na autovía das Rías Baixas.

"Un animal atropelado que non xera feridos, non nos chaman. Avísannos cando queda na estrada e pode producir un accidente", di Julio Puentes Agregán, coordinador do Grupo de Emerxencias de Ribadavia.

No conxunto da provincia de Ourense rexistráronse entre xaneiro e no que vai de setembro 1.104 colisións e falta o último trimestre, que adoita ser o peor porque se reduce a visibilidade nas estradas.

"Á última hora do día, 6-7 da tarde, xa non hai luz. Son meses delicados. Se levamos xa 1.100, faltando este trimestre, imos ir a un número moi elevado este ano", explica David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico de Ourense.

Pero o que máis chama a atención dos datos deste ano é a repunta no mes de agosto: 115 sinistros con animais fronte aos oitenta ou noventa habituais. Atribúeno aos incendios.

"É o mes de agosto con máis datos de colisións con animais rexistradas desde que temos datos. Os animais andan máis desorientados, perdidos, escapan do lume, e iso posiblemente provocara máis sinistros con animais porque 115 no mes de agosto nesta provincia é moito", sinala Llorente.

A alta probabilidade de que nos atopemos cun animal require extremar a precaución.

"Ir atentos sobre todo de noite, anoitecer e amencer. E non facer cambios bruscos de carril nin freadas bruscas, senón manterse firme no volante", recomenda Julio Puentes.

Tamén recomendan asegurar o coche contra este tipo de danos, que non sempre están cubertos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade