Repuntan as vendas de tests de covid neste comezo do outono
A maioría son casos leves, pero cómpre protexer os máis vulnerables
Tose, dor de gorxa, secreción nasal..., os virus respiratorios regresan polo outono, e o coronavirus non podía faltar á cita.
"Eu empecei con moito moco, cansazo e dor de cabeza, non tiven febre, pero polo demais o covid veu con todo".
"Eu levo ben estar contaxiado porque estou de vacacións".
"Eu pensaba que o tiña e fixen a proba. Dei negativo, o que teño é catarro ou gripe, pero cunha dor de gorxa moi forte".
E coma sempre que medran os casos, as primeiras en notalo son as farmacias. Nesta de Ames as vendas de tests disparáronse nos últimos dez días.
"Esta última semana vendín o dobre ou o triplo de test ca nas anteriores", di Natalia Martínez Reboredo, farmacéutica no Milladoiro.
A venda de antigripais non medrou na mesma medida. Así que a sospeita é que a maioría dos casos son leves e non precisan asistencia sanitaria.
"Si, entendemos que a maioría non son graves nin precisan unha atención médica especializada. Son síntomas que podes resolver na casa", engade a boticaria.
Así e todo, no Sergas constan 971 casos activos e 142 hospitalizados. Por iso cómpre non baixar a garda e usar a máscara en caso de infección para protexer os máis vulnerables.
"Eu a poño se teño catarro, aínda que non faga test de coronavirus, para non contaxiar nada".
"Eu a puxen para entrar no centro de saúde, que sempre é un foco, para non contaxiar nin levar regalo de ninguén tampouco".
"Eu a levo para protexerme a min e aos demais".
E se conviven ou traballan con grupos de risco, o consello é vacinarse aproveitando que a campaña xa está en marcha.
"Eu sempre me vacino, poño as dúas, a de gripe e a de coronovirus".
"Imos protexelos vacinándonos nós e facendo unha inmunidade de rabaño", conclúe a farmacéutica.
Vacinas, máscaras e tests cos que previr e cortar a transmisión dun virus que, malia formar parte da nosa rutina, cómpre non subestimar.