Un accidente de tráfico provoca importantes danos no colexio lugués de Casás
Un condutor sufriu unha indisposición e bateu contra o peche do recinto escolar
O colexio público de Casás, en Lugo, quedou sen varios metros do seu peche. O motivo foi un accidente de tráfico rexistrado preto da medianoite. Cando circulaba por diante do recinto escolar, ao parecer un condutor indispúxose, perdeu o control do vehículo, montou na beirarrúa e acabou batendo a carón da entrada do centro.
A raíz do acontecido, as familias do medio milleiro de alumnos do colexio queixáronse da velocidade excesiva á que adoitan pasar os coches por esta rúa do barrio lugués de Abella. Para evitar novos sinistros, reclaman que se tomen medidas.
Debido á violencia da colisión, o condutor quedou ferido, polo que tivo que ser trasladado nunha ambulancia para recibir asistencia sanitaria.