Agónico triunfo que mete o Racing na pelexa polo ascenso
O gol de David Castro no minuto 87 permítelle ao Racing derrotar o Majadahonda (2-1)
O equipo galego sitúase na quinta posición, a un só punto do seu rival
O Racing de Ferrol aproveitou a súa oportunidade de meterse de cheo na loita pola fase de ascenso á Segunda División logo de gañarlle ao Majadahonda (2-1) no partido adiado polos casos de coronavirus no equipo galego.
Non puido comezar mellor o encontro. Aos once minutos Joselu rematou á rede un centro de Héber. Parecía ter controlado o encontro o equipo de Cristóbal Parralo, pero nunha perda de coiro de Alayeto na frontal da área o Majadahonda aproveitou a súa ocasión para poñer o empate co gol de Nando García (minuto 24).
A primeira parte foi de moito músculo defensivo, poucas ocasións e moita efectividade. Na segunda, os dous equipos tiráronse ao ataque, tiveron ocasións, mais non conseguían aproveitar ningunha delas.
Pero no minuto 87 o Racing sacou un córner e o central de Cuntis David Castro cabeceou á rede. O triunfo deixa os ferroláns nunha situación inmellorable, empatados coa UD Logroñés con 43 puntos no quinto posto e a só un do Majadahonda, ao que lle gañou a diferenza de goles.