Un aparcacoches acoitela un home no aparcadoiro do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol
A vítima conseguiu chegar polo seu pé ao hospital e operárono deseguida
A policía busca o aparcacoches que acoitelou un home nas inmediacións do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.
A vítima, de 46 anos, cun corte profundo nun costado, deu chegado polo seu propio pé a urxencias. Foi intervido cirurxicamente, e agora, xa fóra de perigo, recupérase en planta.
O home, que ía ao hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, deixara o coche no aparcadoiro público que hai en fronte da porta.
A principal hipótese é que o aparcacoches lle pediu cartos por amosarlle a praza de estacionamento e que el non llos quixo dar. Houbo unha discusión e o aparcacoches acoitelouno.
"Houbo unha pelexa entre unha das persoas que está aparcando e un paciente. Empezaron a berros e acabou cun apuñalamento"
"Non lle quixo dar unha moeda. Discutiron e quitoulle un coitelo e meteulle unha puñalada. É moi problemático. Nós só vimos buscar a vida aquí"
"As causas serían por temas de cartos, por non darlle o euro do aparcamento, ou que lle contestou mal, non sei", comentan outros aparcacoches da zona.
O agresor fuxiu. A Policía Local e a Nacional, que xa o teñen identificado, estano buscando pola zona. Os que o coñecen e que tamén axudan a aparcar coches din que era unha persoa moi problemática.
"É un home superabusón. Vén xente a aparcar e ráialles o coche se non lle dan unha moeda. Ameázaos, cando hai que ser educado. E o tipo ese está na rúa. Estará escondido porque sabe o problema no que se meteu".
Algúns usuarios do hospital din que as persoas que están no aparcadoiro non son problemáticas, pero si o era o agora fuxido.
"Indícanche se hai algún sitio libre. Ás veces hai dous ou tres. Ás veces discuten entre eles. Non te ameazan se non lles dás cartos, pero ben sabes como funciona o mecanismo. Déixaslles alí o coche. Tampouco hai moito máis".
"Hai que ter coidado, porque deixas o coche aí abandonado e fanche calquera cousa. Ás veces desafíante, avísante", comentan dous usuarios do aparcadoiro.