Deteñen dous fillos dun comerciante de Molina de Segura falecido tras unha lea
O suceso rexistrouse nunha tenda de tecidos que rexentaba a vítima mortal no centro da localidade murciana
A policía arrestou un dos fillos en Archena, tras admitir este que lle dera unha puñada na cara, e unha filla no lugar dos feitos
Un home morreu este sábado tras ser agredido polo seu fillo no comercio que rexentaba no centro da localidade de Molina de Segura, en Murcia. A vítima mortal, duns 60 anos, saíu do seu local e varias testemuñas avisaron a Emerxencias da presenza dun home que se encontraba mal e ao que lle faltaba a respiración. Cando chegou a ambulancia os sanitarios só puideron certificar a súa morte.
A policía investiga a o suceso como violencia doméstica. Familiares do empresario confirman que levaba desde hai anos un marcapasos e padecía do corazón, polo que a Policía non descarta que, no transcurso da liorta co seu fillo, sufrise un infarto ou unha indisposición similar que fose a causa da morte.
Pero precisa que será a autopsia a que determine as causas. Un fillo do falecido foi detido con posterioridade en Archena pola súa suposta implicación nos feitos. Asegura que só lle deu unha puñada na cara ao seu pai. Os axentes tamén arrestaron unha filla presente no momento da agresión no interior do negocio.
O home falecido estaba separado da súa muller, coa que tiña tres fillos e unha filla, que tras o divorcio viviran coa nai, segundo fontes coñecedoras da familia. Mantivera rifas con algúns deles, con insultos e ameazas en ocasións anteriores, nalgunha das cales chegou a intervir a Policía.