A embaixada española non confirma a morte de tres mariñeiros galegos en Namibia
O presidente dos armadores de Vigo informou de que faleceron nun accidente de tráfico cando se dirixían cara ao porto de Walvis Bay para embarcaren
O condutor do taxi en que viaxaban tamén faleceu no sinistro
Fontes oficiais consultadas por Europa Press non teñen constancia de que tres mariñeiros galegos falecesen nun accidente de tráfico ocorrido en Namibia.
A Embaixada de España no país remite á Oficina de Información Diplomática do Ministerio de Asuntos Exteriores, pero este departamento ata o momento non responde á pregunta de se lles consta que se producise un accidente con tres vítimas mortais cando se desprazaban desde o aeroporto da capital ata Walvis Bay.
A información do accidente mortal foi confirmada a Europa Press polo presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, quen explicou que os tres falecidos ían embarcarse nun barco palangreiro e faleceron ao sufrir un accidente o taxi no que se desprazaban desde o aeroporto ata o punto de embarque.
Segundo a súa versión, o sinistro produciuse cando circulaban de noite, na xornada do xoves, e nel tamén morrería o condutor de vehículo, natural de Namibia. Contactado novamente, Touza reafirmouse en que el ten eses datos solicitados por fontes presentes no país africano.
Primeiras informacións
As primeiras informacións este venres apuntaban que os tres ían nun taxi, cuxo condutor faleceu tamén, segundo confirmaron a EFE fontes da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI).
Fontes consultadas polo xornal apuntan que os falecidos, da zona do Morrazo, ían embarcarse nun barco que colle pescada negra. Os tres mariñeiros chegaron en avión á capital de Namibia e subiron ao vehículo para desprazárense ata a cidade costeira de Walvis Bay.
No traxecto, un vehículo que circulaba en sentido contrario saltou a mediana e impactou co seu coche. A estrada pola que se desprazaban está en moi malas condicións e carece dos servizos elementais, segundo as fontes.
Polo momento non se coñecen máis detalles sobre as circunstancias concretas do sinistro nin sobre as xestións que se poderían estar levando a cabo para a repatriación dos corpos.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
         
            
         
            
        