Publicador de contidos

Publicador de contidos

Melissa convértese en ciclón postropical tras deixar máis de 50 mortos no Caribe

Melissa convértese en ciclón postropical tras deixar máis de 50 mortos no Caribe

Continuará afectando á costa nordés dos Estados Unidos e o Atlántico do Canadá, ademais das Bahamas, as Bermudas e as illas Turcas e Caicos

G24.gal 31/10/2025 17:37

Melissa converteuse este venres en ciclón postropical tras ser o furacán máis potente da actual tempada do Atlántico e deixar máis de 50 mortos en países do Caribe, como Xamaica e Haití, segundo o Centro Nacional de Furacáns estadounidense, que emitiu un último aviso.

Aínda que se afasta de terra, o organismo advertiu de que as marusías xeradas por Melissa, que o martes impactou a Xamaica e o mércores a Cuba, continuarán afectando por dous días á costa nordés dos Estados Unidos e o Atlántico do Canadá, ademais das Bahamas, as Bermudas e as illas Turcas e Caicos.

"Os modelos globais indican que Melissa continuará sendo un ciclón extratropical grande e forte durante os próximos dous días a medida que atravesa o Atlántico Norte. Só se espera un enfraquecemento gradual ata a fin de semana", expuxo o informe do Centro Nacional de Furacáns.

Melissa, que xurdiu hai 10 días, estaba no último reporte a 840 quilómetros ao nor-nordés das Bermudas, con ventos máximos sostidos de 140 quilómetros por hora e un desprazamento cara ao nordés a 78 quilómetros por hora.

O Centro Nacional de Furacáns prognosticou aínda efectos de Melissa para O Canadá, con posibles "refachos de vento e un breve período de fortes choivas" para a Península de Avalon na provincia de Terra Nova e Labrador.

"Na traxectoria do prognóstico, espérase que o centro de Melissa pase ao sueste da Península de Avalon de Newfoundland como un ciclón postropical esta noite", previu.

O "enfraquecemento gradual" de Melissa ocorre mentres este venres Xamaica elevou a 19 os mortos polo furacán, que foi "a tormenta do século" ao tocar o martes este país como categoría 5, segundo a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). En tanto, Haití subiu a 31 a cifra oficial de falecidos e a 21 a de desaparecidos, o que se suma a cuarto mortos en Panamá e un máis en República Dominicana.

En Cuba, onde Melissa pasou o mércores como categoría 3, o Goberno non ofreceu unha avaliación preliminar de danos, pero estímanse millóns de afectados por apagamentos, destrución de vivendas e infraestrutura, cortes de estradas, problemas xeneralizados nas comunicacións e inundacións.

Con Melissa xa van 13 ciclóns este ano no Atlántico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade