A Fundación Amancio Ortega entrega á Xunta a residencia de maiores de Ferrol
Esta é a quinta que recibe a Administración autonómica das sete proxectadas pola Fundación (unha por cidade), tras as de Santiago, Lugo e Pontevedra, xa en funcionamento, e a da Coruña, que se porá en marcha nas próximas semanas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este venres en Ferrol ao acto de entrega de nova residencia de maiores que a Fundación Amancio Ortega construíu no barrio do Bertón, no que tamén estivo a presidenta da entidade, Flora Pérez.
Esta é a quinta que recibe a Administración autonómica das sete proxectadas pola Fundación (unha por cidade), tras as de Santiago, Lugo e Pontevedra, xa en funcionamento, e a da Coruña, que se porá en marcha nas próximas semanas.
A residencia de Ferrol conta con 120 prazas repartidas en 78 cuartos, dos que 36 son individuais, e 6.500 metros cadrados de zonas verdes e espazos abertos; e como as que xa están en funcionamento, ten sala de estar, comedor, cociña, salón de peiteado ou sala de fisioterapia. O vicepresidente da Fundación, José Arnau, destacou ademais que xerará máis de 120 empregos.
Alfonso Rueda agradeceulle á presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez, o investimento en construír e equipar estas residencias, no caso de Ferrol con máis de 31 millóns de euros, para mellorar a vida dos maiores. Rueda felicítase de que esta ambiciosa aposta, di, sexa unha feliz realidade.
O xefe do Goberno galego avanzou que o Consello da Xunta do vindeiro luns aprobará o inicio da licitación da xestión do centro para axilizar a posta en marcha da residencia, que está nun barrio onde ten proxectadas 360 vivendas públicas, lembrou o presidente.
"Este é tamén un día para presumir de poñer a disposición dos galegos unhas residencias cunha calidade que, atrévome a dicir, non existen en ningún outro sitio de España", remarcou Alfonso Rueda.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
            
                 
            
                 
            
                