Publicador de contidos

Publicador de contidos

As obras da residencia da Fundación Amancio Ortega en terreos da ETEA en Vigo comezarán a próxima semana

As obras da residencia da Fundación Amancio Ortega en terreos da ETEA en Vigo comezarán a próxima semana

Rueda: "Agora toca axilizar, pisar o acelerador de todo o proceso para que esa nova residencia poida ser unha realidade canto antes"

A Xunta destaca que a Fundación está a investir máis de 180 millóns de euros na construción e equipamento das súas e que supoñerán en total a creación de 900 prazas públicas e máis de 800 empregos

Instalacións dunha residencia da Fundación Amancio Ortega (EUROPAPRESS)/Declaracións de Rueda
G24.gal 27/11/2025 14:31

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves que, de forma inmediata - a próxima semana - , empezarán as obras da futura residencia pública autonómica de maiores que constrúe a Fundación Amancio Ortega en Vigo, que se emprazará nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA).

Zona de traballos previos da ETEA Zona de traballos previos da ETEA

Segundo defendeu Rueda, quen tamén trasladou o anuncio a través dos seus perfís en redes sociais, "agora toca axilizar, pisar o acelerador de todo o proceso para que esa nova residencia poida ser unha realidade canto antes", facendo fincapé en que o Goberno galego vai seguir traballando "para mellorar a atención dos maiores, decidan vivir nos seus domicilios ou nunha residencia" e "moi comprometido con Vigo".

A de Vigo é unha das sete residencias que impulsa a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades e que formará parte da rede pública autonómica. Segundo sinalou o presidente autonómico, "é un auténtico orgullo que Galicia poida contar con centros como este que se vai facer en Vigo e cos outros seis".

Non en balde, defendeu que "son residencias de vangarda coas mellores instalacións, cos mellores servizos, e desde logo van ser un referente na atención aos maiores en toda España".

A nova infraestrutura situada en Vigo contará con 150 prazas públicas e estará equipada coa tecnoloxía máis avanzada no campo dos coidados. Ademais da zona destinada a uso residencial e a reservada para atención médica, contará con servizos de peiteado, podoloxía, salóns sociais, espazos de convivencia, comedor e cociña, entre outros.

A Xunta destaca que a Fundación Amancio Ortega está a investir máis de 180 millóns de euros na construción e equipamento das residencias que constrúe nas sete cidades galegas e que supoñerán en total a creación de 900 prazas públicas e máis de 800 empregos.

Os centros de Santiago, Lugo e Pontevedra xa están en funcionamento, os da Coruña e Ferrol están construídos e o de Ourense estará listo para o verán do ano que vén. O de Vigo foi o proxecto que máis se tardou en iniciar a causa, recalca o Executivo galego, dos atrancos á urbanización da zona.

De feito, a Xunta indicou que segue á espera de asinar un acordo co Concello de Vigo e a Zona Franca que permitiría urbanizar a vía principal que vertebra a ETEA e a praza de Armas, así como as novas redes de servizos e as súas conexións exteriores. Isto faríase cun investimento de 10,5 millóns de euros, procedente integramente das arcas autonómicas.

Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, enviaron recentemente unha carta ao alcalde de Vigo e ao delegado da Zona Franca, urxindo a asinar o convenio acordado fai máis de seis meses para que as melloras proxectadas no recinto sexan unha realidade antes de que a Fundación Amancio Ortega entregue a futura residencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade