Un accidente múltiple na AP-9 á altura de Barro deixa un ferido leve
O suceso tivo lugar no quilómetro 112 arredor das 8:30 da mañá deste mércores
Dous turismos, unha furgoneta e un camión víronse implicados no sinistro que deixou un ferido leve e un carril da circulación afectado
Imaxe dun dos vehículos implicados no accidente
Un accidente múltiple, con catro vehículos implicados, na AP-9 á altura do municipio pontevedrés de Barro deixou a unha persoa ferida leve este mércores.
Segundo informou o 112, o suceso tivo lugar no quilómetro 112, ao seu paso pola parroquia de Portela, ao redor das 8:30 horas.
Un particular indicaba que un turismo chocara contra un camión e que, como consecuencia do impacto, fora chocando contra outros vehículos. Sinalaba ademais que o accidente estaba a provocar problemas na circulación.
Ao lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, os bombeiros de Vilagarcía e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Confirmaron que no accidente se viron implicados dous turismos, unha furgoneta e un camión, quedando afectado un carril da circulación. O ferido foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.