Circulación condicionada na A-52, na Gudiña, tras o incendio polo choque de dous camións
O tráfico estivo cortado en sentido descendente e tivo que ser desviado pola Gudiña durante unhas horas
O incendio reavivouse pola tarde e obrigou a cortar dous dos tres carrís
Os condutores de ambos os vehículos necesitaron asistencia médica, aínda que estaban conscientes, e as lesións foron provocadas polo impacto e non polo incendio que calcinou na súa totalidade un dos camións
Reabriuse ao tráfico a A-52, na Gudiña, tras o incendio dun camión que bateu con outro articulado no punto quilométrico 125 desta vía de alta capacidade e que obrigou a desviar a circulación de vehículos. Malia todo, o incendio reavivouse pola tarde e obrigou a cortar de novo dous dos tres carrís en sentido decrecente.
Segundo ratificou o 112, o temor á propagación do incendio cara a zonas de monte ou arboredos obrigou a activar un operativo no que, ademáis dos bombeiros comarcais, participaron os membros do GES e do distrito forestal da zona.
De feito, o traballo dos equipos de extinción centrouse en acoutar o lume e evitar que se estendese.
Finalmente, o camión ardeu na súa totalidade. Os condutores de ambos os vehículos necesitaron asistencia médica, aínda que estaban conscientes e accesibles, e as lesións foron provocadas polo impacto e non polo incendio.
Corte da circulación en sentido decrecente
O accidente de tráfico en que se viron implicados os dous camións obrigou a cortar por completo a circulación en sentido decrecente na A-52, polo que o tráfico tivo que ser desviado pola Gudiña.
Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, o sinistro produciuse sobre as 10.30 horas, no quilómetro 124.800 da A-52, sentido Zamora, ao seu paso polo termo municipal da Gudiña, no partido xudicial de Verín.
A Garda Civil de Tráfico explica que o accidente consistiu nunha colisión por alcance dun vehículo articulado con outro camión que se atopaba avariado.