As acusacións ven "aleivosía clara" no crime das Gándaras e piden 25 anos de prisión
A defensa do acusado cre que sufriu un brote psicótico
Rematadas as declaracións, o xurado popular deberá emitir o seu veredicto
O xuízo polo crime das Gándaras, que se está a celebrar na Audiencia Provincial de Lugo, chegou á súa derradeira xornada.
Tras declararen os peritos que o autor confeso non tiña alterada a conduta cando matou a vítima, as diversas acusacións manteñen a petición de 25 anos de cadea polo delito de asasinato, coas agravantes de parentesco e de xénero.
Francisco José Lago, avogado dunha das acusacións populares: "A vítima non gardaba capacidade de resposta, segundo o servizo de toxicoloxía. Sobre a capacidade del para comprender, tamén quedou clara, segundo os autores do informe de saúde mental".
Fernanda López, avogada dunha das acusacións particulares: "O que se determinou foi que a vítima estaba baixo os efectos do alcohol cunha intoxicación severa. E os forenses declararon que as facultades cognitivas e volitivas do acusado estaban intactas".
Cristina Martínez, avogada dunha das acusacións particulares: "Téñennos que apreciar a agravante de aleivosía, que cremos que está clara, igual que a de parentesco. Tamén solicitamos a agravante de xénero, porque consideramos que é un crime machista".
Pola súa parte, a defensa sostén que o acusado Francisco Javier Belda non era consciente dos seus actos no momento en que matou a Clara María Expósito. Mantén, por tanto, que se trata dun homicidio e non dun asasinato.
Jacobo Vázquez, avogado da defensa: "É moi probable que no momento de cometer os feitos o acusado estivese baixo os efectos dun brote psicótico. Xa tivera un en 2017, motivado polo consumo excesivo de alcohol. E é moi posible que tamén sufrise outro".
Unha vez rematadas as declaracións periciais e da Policía Científica, e expostas as conclusións das partes, o xurado popular deberá emitir o seu veredicto.