Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína urxe o envío de armas ante a inminente ofensiva rusa

Ucraína urxe o envío de armas ante a inminente ofensiva rusa

A OTAN promete unha "ampla gama" de axuda militar

Rusia acusa a Ucraína de dar marcha atrás nas negociacións

Antón Montero 07/04/2022 19:47

Nenos xogando nos parques, cafés abertos, veciños desfrutando do sol, atisbos de normalidade en Kíiv tras a fin do acoso ruso. Máis ao norte, en Cherníhov, o cesamento dos bombardeos permite calibrar o alcance da destrución.

Rusia abandona o norte de Ucraína para o que todos anticipan que vai ser a grande ofensiva sobre o Donbás. Unha batalla, dixo o ministro de Exteriores ucraíno, que vos vai lembrar a Segunda Guerra Mundial.

Dmitró Kuleba vaticina milleiros de tanques, avións e artillería rusa sobre o leste do país. Este xoves pediulle á OTAN tres cousas: armas, armas e armas. O líder da Alianza Jens Stoltenberg confirmou que haberá máis axuda militar e de ampla gama, sen máis precisións.

Na rexión, continúa a evacuación de civís a través dos dez corredores humanitarios abertos, mentres os peores combates se libran en Mariupol.

O presidente ucraíno Volodimir Zelenski dixo ante o Parlamento grego que a cidade está reducida a cinzas e que periga a supervivencia dos 130.000 habitantes que non lograron saír.

As milicias prorrusas din que xa controlan o centro da cidade. O Ministerio de Defensa ucraíno négao e cifra en case 19.000 as baixas inflixidas a Rusia nos 43 días de guerra.

As autoridades da rexión de Luhansk calculan que o ataque comezará en tres ou catro días, un tenso compás de espera convive cun arrefriamento na mesa de negociacións. O ministro de Exteriores ruso Sergei Labrov acusou a Ucraína de dar marcha atrás en varias concesións sobre Crimea que si aceptara hai unha semana.

A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen e o representante da diplomacia comunitaria Josep Borrell viaxan este venres a Kíiv para trasladarlle en persoa ao presidente ucraíno o apoio dos 27.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade