A febleza defensiva do Leyma Coruña volve pasarlle factura en Murcia
Perdeu por 105-93 diante do UCAM Murcia no duodécimo partido no que encaixa máis de cen puntos esta temporada
O Leyma Coruña perdeu na pista do UCAM Murcia (105-93) no enésimo encontro no que amosou a febleza defensiva que o acompañou ao longo da temporada. Malia iso chegou aos últimos intres con opcións pero o equipo murciano sentenciou cun 11-5 nos últimos tres minutos.
Despois dun bo inicio do Leyma (12-14) chegou a habitual desconexión e un parcial de 14-0 cun extraordinario Gates para poñerse 26-14. O partido, co habitual ritmo ofensivo dos que xoga o cadro coruñés foise a un 34-27 no primeiro cuarto. No segundo mantivéronse as diferenzas. O UCAM tentaba irse por riba dos dez puntos pero apareceu Scrubb con 9 puntos para manter o Básquet Coruña no partido (55-49 ao descanso).
Un parcial de 0-7 no terceiro cuarto dáballe a vantaxe ao Leyma (55-56). O UCAM deu cumprida resposta cun 8-0 (63-56) para deixalo todo como estaba. A marxe estabilizouse nos dez puntos (77-67) e o cuarto rematou cos murcianos oito puntos por diante (82-74). O Leyma remou e conseguiu poñerse a seis puntos cunha tripla de Jakovics a 3:00 do final (94-88) pero a resposta local foi contundente. Ennis tamén anotou de tres e curtou a remonta coruñesa. Aí remataron as posibilidades do equipo galego que volveu a recibir máis de cen puntos.