Tres nadadores ourensáns que perderon familiares polo cancro lanzan un reto solidario
Rafael, Felipe e Jesús son amigos e deportistas e uníronse no reto solidario "Eu nado por eles", unha iniciativa que lles axudou a superar os seus dós
Están adestrándose no río Miño en Ourense para o seu próximo reto: percorrer a nado a distancia entre a praia de Rodas, nas Cíes, e a de Ribeira en Baiona
Buscan apadriñamentos para os quilómetros que nadan para colaborar co programa de vivenda de Cáritas
Coñecemos o reto solidario "Eu nado por eles" que protagonizan tres nadadores ourensáns unidos pola perda de familiares por mor do cancro. Este ano xa se preparan para percorrer os 15 quilómetros que separan a praia de Rodas, nas Cíes, de Baiona.
Rafael, Felipe e Jesús son amigos e deportistas e uníronse no reto solidario "Eu nado por eles".
"Isto foi unha especie de antidepresivo. Debido a unhas situacións familiares que vivimos todos os participantes, de perda e de dó, de familiares debido ao cancro", conta Rafel Tabarés, un dos nadadores participantes no reto solidario "Eu nado por eles".
"Nese momento queriamos dar voz, sobre todo, aos familiares", apunta Felipe Iglesias, outro dos nadadores do reto solidario "Eu nado por eles".
"A través do deporte, da auga e dos amigos, fomos pouco a pouco superando esa situación. Cando tes unha situación deste calibre, hai dúas opcións: ou quedas abaixo, ou saes", explica o nadador Rafael Tabarés.
Nadando xuntos saíron dos seus dós. Agora están adestrándose no río Miño en Ourense para o seu próximo reto: percorrer a nado a distancia entre a praia de Rodas, nas Cíes, e a de Ribeira en Baiona.
Agora buscan apadriñamentos para os quilómetros que nadan para colaborar co programa de vivenda de Cáritas.
A loita contra o cancro e a axuda psicolóxica ás familias foi a primeira delas. Os tres seguen sumando brazadas e euros por cada quilómetro para apoiar causas solidarias.
