Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres mulleres enganchan un ladrón nun supermercado de Rianxo: "Soltádeme"

Tres mulleres enganchan un ladrón nun supermercado de Rianxo: "Soltádeme"

O asaltante é un dos habituais en asaltos a negocios, que ten fartos a veciños e comerciantes

Teñen días especialmente activos, con roubos en varios negocios na mesma rúa e en poucas horas

G24.gal 24/04/2026 14:34

Foi por la e saíu, enganchado por tres mulleres, unha delas a dona da tenda, que leva pouco aberta.

Custoulle soltarse da carraxe das mulleres. A imaxe fíxose viral, porque san das poucas que lle plantaron cara. Están que morden. 

"Quen se enfronta a eles? Eu non porque despois cóllenche por detrás".

"Non lle podes plantar cara porque non é a primeira vez que lle pegan a alguén aquí na vila", coinciden ambas veciñas.

Este foi o Virutas. É un dos que ten atemorizada a vila, ata o punto de que á xente cústalle dar a cara. 

"Son xente que andan por aquí todos os días. Entran no negocio e coñécenche. Son xente de aquí", engade.

Crúzanse con eles a todas horas porque viven no centro mesmo, a poucos metros deste supermercado ou desta outra tenda, onde tentaran entrar só unha horas antes. 

Na cámara de seguridade, quedou gravado como golpeaba o escaparate coa tapa dun sumidoiro.

"Empeza a caer po do falso teito e despois vese como caen cristais. El está fóra lanzando o sumidoiro contra o cristal", explica a comerciante, que confesa que "xa é a terceira vez que vén roubar aquí e eu xa non tento sacarlle as cousas porque xa sabe que non llas podo sacar".

"A mesma noite que foi o noso entrou nunha tenda pequena que hai máis abaixo e no aparcadoiro e máis arriba".

Negocios a eito e veciños que tampouco se libran. 

"O outro día fóronlle romper a porta dunha casa a unha señora que vive soa. Eu teño medo de ir pola rúa", reforza outra muller.

Tal é o descaro que o que rouban nun sitio véndeno a quen llelo compra por catro pesos. É a urxencia por conseguir carto fácil. Aos dos conxelados téñenos queimados.

"Díxome un que tiña polbo e eu mirei pero como xa o coñecín, díxenlle que era conxelado e viñan de roubalo dos conxelados. Eu xa non lle collo nin ameixa nin lle collo nada, que desa xente non quero nada", engade a mesma veciña.

A semana pasada a policía secreta rexistroulles o piso, no que non deixa de entrar e saír xente, pero seica non atoparon nada, e o pesadelo segue. Hostaleiros e comerciantes están en reunións co Concello e coa Policía Local. De momento, sen avances.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade