Tres menores galegos con diversidade funcional queren participar no maratón de Nova York
Inés, Mario e Pedro adestran duro tres días á semana para preparar a carreira que se celebrará en novembro
Tras lograr unha bolsa para custear a viaxe, iniciaron unha campaña en redes para recadar apoios
Inés, Mario e Pedro queren correr no mítico maratón de Nova York. Unha proba que supera os 42 quilómetros para a que están a adestrarse duro.
"Quedamos e soemos saír todos os luns, mércores e, a tirada longa, as fins de semana. Na tirada longa estamos facendo uns 17 quilómetros e miramos por tempo e facemos ao redor de dúas horas", explica Rocío Alfonso, nai de Inés.
A idea partiu do proxecto Enki, club deportivo da Fundación Abrente, que traballa a prol da inclusión a través do deporte.
"Empezamos a soñar alto. Ao principio diciamos que iamos facer unha carreira de 10 quilómetros. E eu dicía: '10 quilómetros Pedro non vai poder' e, como todo, adestrando e con moita ilusión chegamos a facer 10 e tamén 20. E entón dixemos: pois non temos por que parar aquí", asegura Eva Ramil, nai de Pedro.
Conseguiron unha bolsa para custear a viaxe e a participación, pero precisan que a organización do maratón de Nova York lles conceda os dorsais duplos para poder correr con cadeiras. Dorsais que son asignados por invitación. Para lograr visibilidade e facer realidade o seu soño iniciaron unha campaña nas redes sociais.
"Todo sería máis doado se algún deses deportistas galegos que son medallistas olímpicos ou algún club importante de Galicia, que hai moitos, que nos puidera apoiar porque seguro que a repercusión sería moita máis", considera José Luis Fernández, pai de Mario.
Teñen ata primeiros de abril para lograr o seu obxectivo: darse a coñecer en Nova York e ser invitados ao maratón da cidade norteamericana.