Tres equipos de fútbol de Boiro sofren roubos nos seus locais e cantinas
O último dos asaltos foi nas instalacións do Club Deportivo Boiro, de onde levaron material e roupa deportiva e produtos dos que vendan na cantina por valor duns 2.400 euros
As instalacións do Club Deportivo Boiro no campo municipal de Vista Alegre foron asaltadas un domingo á noite para roubarlle pezas do equipamento do club e outro material deportivo.
Tamén entraron, estragando a porta, na cantina do campo, onde levaron produtos para a venda no bar. Segundo nos informou o vicepresidente do club boirense a valoración total da perda suma 2.400 euros. Ao parecer, tamén doutro cuarto levaron bens de propiedade municipal.
O campo de fútbol do Sporting de Lampón, tamén tivo visita nocturna nos últimos días, mellor dito visitas. E precisamente cando teñen máis provisións para afrontar o partido na Mina. "No último mes e medio entraron dúas veces a roubar na cantina. Sempre coincide o sábado pola noite que temos partido ao día seguinte. Fannos bastante estrago, sobre todo de bebida porque outra cousa xa procuramos non ter", di Manuel Ángel Domínguez Pérez, vicepresidente do Sporting Lampón.
O autor, supostamente o mesmo nas dúas ocasións, arramplou coas latas de leite condensado e co azucre ademais de botellas de bebidas. En total máis de cen euros que acaban saíndo do peto das persoas que están á fronte do equipo.
"A verdade é que amola un pouco, porque estás a traballar todo o ano, xa con problemas de colaboracións económicas por como está isto... Por riba, traballas todo o ano e que che veñan levar o resultado do esforzo, pois... amola. Pero hai que levalo para adiante. Non nos queda outra", engade Domínguez.
Preto de aquí, no centro social de Abanqueiro, ocasionaron varios estragos na busca de botín nas oficinas doutro tamén modesto equipo de fútbol boirense, a Sociedade Deportiva Abanqueiro.