Golpe aos intermediarios da droga no operativo aínda en marcha en Vilanova de Arousa
A policía comisou marihuana, cocaína, haxix e instrumental para procesar e distribuír a droga
Os detidos, polo menos un deles xa con antecedentes, vendíanlle a traficantes de pequena escala
A parella detida en András estaba no foco da policía e da veciñanza, polo ir e vir constante de coches
As imaxes da operación Ninja 2 amosan rexistros en dúas vivendas de Vilanova. Unha delas en András, na que detiveron unha parella. Polo menos el xa con antecedentes, porque non é a primeira redada que se fai neste luar.
Hai un terceiro detido tamén en Vilanova.
"Era un punto de venda aínda para intermediarios, os subministradores de pequena escala", explica Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra.
Estaban no foco da policía e tamén da veciñanza, fartos dun ir e vir constante de coches. Coches bos, remarcan en voz baixa. A actividade non se detivo nin sequera o día do apagamento, cousa que aínda lles chamou máis a atención.
Sábeno todos, pero non queren dar a cara porque, segundo din, teñen medo. E con razón, porque aí móvese un pouco de todo.
"Había marihuana, cocaína e haxix, diñeiro en efectivo, instrumental para tratar as substancias estupefacientes e vehículos. A cantidade comisada non é moi importante polo de agora, pero si que era unha rede que estaba no foco da policía nacional porque ten ramificacións e permea boa parte do territorio da zona", engade Losada.
Parece que dentro podía haber unha plantación de marihuana. Os axentes levaron tamén as cámaras de seguridade e polo menos un coche, que os veciños viron coas placas cubertas. É un golpe importante que, a priori, non está relacionado con operacións anteriores, pero si coa nova estratexia policial.
"Levamos un ano intenso de operacións e de resultados. Estase actuando no momento da macrooferta dos grandes narcos e que poidamos chegar ao consumidor final significa que temos monitorizado o proceso", celebra o subdelegado do Goberno.
A operación, que coincide co Día Nacional contra a Droga que se celebra hoxe, segue aberta e prevense máis rexistros e novas detencións conforme avance a investigación.