O xuízo pola queima de dous buses urbanos de Vigo queda visto para sentenza
O Fiscal mantén as penas de 20 anos de cárcere para o principal acusado e 10 para a súa parella, condutora dun dos autobuses queimados
Os compoñentes dos dous artefactos que provocaron o incendio dos autobuses foron un dos asuntos abordados na sesión deste xoves en que declarou unha decena de axentes. De fabricación caseira, contiñan papel, cartón, unha botella de leite de plástico, acelerante, candeas e un fármaco, ademais dunha bolsa.
Logo de que este mércores transcendera a aparición dun taco de billetes de cortesía con familiares da empresa, moitos dos interrogatorios da defensa dos dous imputados intentaron xustificar a presenza das matrices dos tíckets asignados á condutora no autobús.
Tamén declarou o presidente do comité de empresa e outros empregados da concesionaria, que apuntaron que non tiñan unha formación exhaustiva para combater os incendios e que no decurso do conflito laboral que había aqueles anos na empresa en moitas xornadas de folga nunca houbo perigo para as persoas.
Coa declaración dos peritos e dos dous imputados -a condutora de Vitrasa, para a que a Fiscalía pide dez anos de cadea como cooperadora necesaria, e o seu compañeiro, suposto autor dos feitos, para o que a Fiscalía pide 20 anos de cárcere- o xuízo quedou visto para sentenza.
Pídenlles ademais 427.000 euros de indemnización.