Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres anos do naufraxio do Pitanxo: "Non descansaremos ata que se faga xustiza"

Tres anos do naufraxio do Pitanxo: "Non descansaremos ata que se faga xustiza"

O caso atópase en fase de instrución na Audiencia Nacional co patrón imputado por 21 homicidios por imprudencia grave

 

G24.gal 14/02/2025 18:00

"Lembro a última vez que falei con el. Díxome que igual volvían aquela noite. Pero non chegou. Nin el nin os seus 20 compañeiros. O barco foi ao fondo", di Noemi Rivas Rivas, que perdeu o seu home no naufraxio do Pitanxo.

"Despois do tempo que pasou eu aínda vivo coa esperanza de que algún día apareza o corpo do meu fillo", explica Eugenia García, nai dun dos mariñeiros falecidos.

A dor e a indignación acentúanse entre os familiares das vítimas cada vez que se aproxima o 15 de febreiro, data en que, hai tres anos, o mar engulía o Villa de Pitanxo a 250 millas de Terra Nova. 

Só tres dos 24 tripulantes conseguiron sobrevivir: o patrón do buque, o seu sobriño e un mariñeiro de orixe ghanesa. Este último desmentiu que o barco fora a pique por unha parada do motor, tal como declarara o patrón. Comezou así unha incansable loita dos familiares na busca da verdade.

"Despois de moita loita e sufrimento se deron pasos importantes: baixouse ao barco e hai un informe dos peritos xudiciais que conclúe que a causa do afundimento do Pitanxo coas 21 mortes foi consecuencia da mala praxe do patrón, Juan Padín", recorda María José de Pazo, voceira dos familiares das vítimas.

A instrución do caso, que leva a Audiencia Nacional, podería prolongarse ata setembro. Os familiares teñen a esperanza de que o xuízo se celebre este ano. Agardan que se faga xustiza para poder descansar agora que se cumpren tres anos da última marea do Villa de Pitanxo.

"Eu levo tres anos sen durmir, pero eles dormen tranquilamente". "Ninguén nos vai devolver os falecidos, pero que se faga xustiza e non rían deles, que non rían de xente que morreu mentres buscaba o pan". "Queremos que sexa legado dos 21 do Pitanxo: que ninguén volva pasar polo que pasaron eles e polo que pasamos nós".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar