Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trens cancelados e incidencias en Galicia a pesar de que os sindicatos maioritarios desconvocaron a folga

Trens cancelados e incidencias en Galicia a pesar de que os sindicatos maioritarios desconvocaron a folga

Vista do interior da estación de tren Vigo Urzáiz, este martes (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 10/02/2026 10:31 Última actualización 10/02/2026 15:39

A división entre os sindicatos mantén a folga no sector ferroviario. Tres formacións minoritarias, Alferro, a CGT e o Sindicato Ferroviario, desmarcáronse do acordo asinado o luns entre o Ministerio de Transportes, CCOO, SEMAF e a UXT.

Aínda que eses colectivos representan unha pequena parte do sector, o impacto do paro volveu ser moi notable. Ao faltaren traballadores non puideron circular varios trens e Renfe tivo que anular diferentes viaxes.

Ademais, a operadora suspendera os servizos mínimos, precisamente porque chegara a un acordo coas centrais maioritarias, así que non se podía garantir o funcionamento de ningún convoi. O resultado é que o martes pola mañá xa se cancelaran nove trens en Galicia: conexións entre A Coruña, Vigo e Ourense e tamén o Tren Celta que enlaza con Porto.

Os sindicatos que manteñen os paros din que o acordo con Transportes non recolle todas as súas reclamacións, en especial aseguran que faltan medidas "inmediatas" para mellorar a seguridade na rede ferroviaria en Galicia.

"En Galicia faría falla máis revisión das vías e de toda a parte dos noiros, de seguridade na circulación. En xeral, un seguimento máis diario, máis cotiá de todas as cuestións que poden afectar á seguridade", asegura Bruno Schenoni, representante de Alferro, Sindicato Alternativa Ferroviaria, en Vigo.

Os sindicatos engaden que Renfe non deu información en detalle sobre as razóns que lle levaron a suspender a circulación en varias liñas en Galicia a semana pasada. A empresa simplemente alegou que o facía por precaución ante as condicións meteorolóxicas. Por iso, reclaman máis transparencia.

Malia que os sindicatos maioritarios si desconvocaron a folga, moita xente xa renunciara a viaxar este martes, sabendo que había paros anunciados. Así, na estación de Vigo-Urzáiz viviuse unha escena insólita: o AVE de Madrid que chegou a media mañá levaba só un único pasaxeiro, un mozo exipcio que mercara o billete pola mañá. En total, ese tren saíra de Chamartín con só catorce persoas.

"Eu confiei no sistema de Renfe. Houbo cousas que foron mal no pasado pero isto é o que a vida me dá", explicaba o viaxeiro solitario.

Porque efectivamente moitos usuarios do tren preferiron non viaxar ou buscaron alternativas de transporte para este martes. De tal xeito que nas estacións houbo menos actividade ca un día normal. A mediodía, no enorme vestíbulo da terminal de Urzáiz só había un viaxeiro, sorprendido ao non ver ninguén máis.

"De feito onte vin de Madrid para acá e tiven que pasar dun tren a outro. E hoxe vexo que está todo baleiro e hai que ver que vai pasar", contaba.

A folga estaba convocada para tres días. Se os sindicatos que manteñen os paros non a desconvocan, o mércores podería haber de novo atrasos e cancelacións de trens.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade