Transportistas galegos apelan contra as prórrogas á concesión da AP-9
A asociación maioritaria acode ao Supremo tras a decisión do Goberno de non revisar as ampliacións do contrato
Tras o ditame da Comisión Europea que cualifica de ilegal a prórroga ata 2048, reclaman a súa nulidade
A asociación galega que representa as pemes e autónomos do transporte, Apetamcor, da un paso máis para reclamar a gratuidade de AP-9. Desta volta presenta un recurso ante o Tribunal Supremo para recorrer a decisión do Consello de Ministros de non revisar as prórrogas da autoestrada.
"Entendemos que estamos ante unha cuestión de fondo con importantes consecuencias económicas para os transportistas galegos que merece un pronunciamento xudicial. Por ese motivo queremos anunciar que Apetamcor vai avanzar pola vía contencioso administrativa cun recurso ante o Tribunal Supremo", anunciou Natalia Blanco, a Directora Xeral de Apetamcor.
O recurso está fundamentado nun informe xurídico que lembra a resolución da xustiza europea sobre a nulidade das prórrogas á concesión aprobadas en 1994 e 2000. E desmonta tamén as razóns esgrimidas polo Consello de Ministros.
"A lei de procedemento administrativo o que di é que no caso de que se considere que por prescrición de accións, cousa que aquí non se dá porque a nulidade de pleno dereito é imprescritible. Pero cando polo transcurso do tempo vulneramos dereitos de particulares, imos contra o principio de equidade, contra o principio de boa fe ou contra a lei, entón si que se podería", explica o avogado Xoán Pérez Lema.
A directiva de Apetamcor manifestou tamén satisfacción pola decisión do Supremo sobre a devolución das peaxes durante as obras da ponte de Rande a instancia dunha demanda colectiva de consumidores.
Agarda que o tribunal se posicione a favor do seu recurso sobre estas peaxes, o que conlevaría a devolución de case un millón de euros ás empresas asociadas.