O consumo de alimentos preparados en España sobe un 4,7 % e xa se iguala co de peixe
O aumento explícase polos prezos e porque temos menos tempo para cociñar
As pizzas, as patacas e a pasta son os produtos preferidos nesta categoría
As persoas que viven soas son as que consomen máis comida elaborada
Suban ou baixen, os alimentos sempre van na cesta. A comida segue a ser o produto con máis peso no IPC pero o seu peso está cambiando, dende diferentes puntos de vista. No último ano, o custo dos alimentos medrou un tres por cento, con subas moi acusadas para artigos como os ovos. E iso explica, en parte, cambios nas tendencias.
Reséntese a venda de produtos frescos, sobre todo o peixe. En cambio, está aumentando o consumo de alimentos preparados. En 2025, a súa presenza nos fogares subiu outro 4,7 %. Así, en España, de media, xa se consomen tantos alimentos preparados como peixe, uns 18 quilos ao ano per cápita. Unha das razóns son os prezos pero tamén teñen que ver cos hábitos de vida. Temos menos tempo e menos coñecemento para cociñar. Tamén, ollo, menos interese pola cociña, segundo din as enquisas.
Os fogares con rendas máis baixas son os que consomen máis alimentos preparados. Por tipo de persoas, teñen máis éxito entre os mozos e adultos independentes. Os produtos preferidos son as pizzas, as patacas e os elaborados con pasta. Ademais, hai diferenzas significativas por territorios. De feito, Galicia é a comunidade autónoma na que menos preparados se consomen, dez puntos menos ca Cataluña.