Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe habilita buses entre Santiago e Ourense para implantar o ERTMS

Renfe habilita buses entre Santiago e Ourense para implantar o ERTMS

Dende hoxe e ata o 29 de agosto os viaxeiros farán parte do traxecto en autobús

G24.gal 21/08/2023 09:31 Última actualización 21/08/2023 11:35

Adif advirte de que para poñer en marcha o novo sistema serán necesarias unha serie de probas do 21 ao 29 de agosto, similares a outras efectuadas en abril pasado, que implicarán que os pasaxeiros de trens sexan transportados en autobuses nalgúns tramos.

"Para garantir a continuidade do servizo e facilitar a mobilidade dos clientes, Renfe pon á disposición dos viaxeiros un plan alternativo de transporte para todas as circulacións afectadas", apunta Adif, e enumera os cambios que afectarán tanto trens en Galicia como os que enlazan con Madrid.

As modificacións temporais, que intervirán en pleno mes de agosto con moitos viaxeiros de vacacións, débense a que a formación de maquinistas no sistema ERTMS fai "incompatible" esas probas co tráfico regular no tramo entre Ourense e Santiago de Compostela, onde levará a cabo o exercicio, xustifica a firma pública.

Que é o ERTMS

O sistema de seguridade europeo ERTMS foi implantado definitivamente no novo trazado ferroviario de alta velocidade entre Ourense e Santiago de Compostela, asegundo Adif, xestora de infraestruturas viarias para ferrocarrís, dez anos despois dun dos máis graves accidentes de tren en España.

A instalación dese sistema, que inclúe un freado automático de trens en caso de non respectar a velocidade adecuada, foi efectuada tras varios meses de proba, subliña Adif, e observa que a súa posta en servizo requirirá a autorización da axencia española AESF tras unha serie de probas para maquinistas a finais deste mes.

"Adif Alta Velocidade culminou a implantación do sistema de protección do tren ERTMS (European Rail Traffic Management System) no eixe atlántico, así como a extensión do equipamento ata completar a súa despregadura no tramo Ourense-Santiago de Compostela (LAV Madrid-Galicia)".

Ese mecanismo será operativo tras as probas de "fiabilidade" e a "formación de maquinistas" e requiriu un investimento de 63,2 millóns de euros, que inclúe o mantemento durante un período de vinte anos, destaca a empresa pública.

Supresión polémica polo accidente de Angrois

O sistema ERTMS foi inicialmente implantado no novo trazado ferroviario entre Madrid e Galicia en 2012 pero, tras unha serie de problemas técnicos, responsables de Adif decidiron suprimilo meses antes do descarrilamento dun tren Alvia, en xullo de 2013 nos arredores de Santiago de Compostela, en que faleceron 80 pasaxeiros e quedaron feridos outros cento e medio.

Varios avogados das vítimas reprocharon na vista oral do xuízo celebrada este ano, pendente aínda de sentenza, a supresión do citado sistema ERTMS por considerar que, de non ser así, posiblemente non se produciría ese accidente, entre os máis graves do sistema ferroviario español e europeo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade