O Foro Cidadán polo Ferrocarril reivindica a modernización da conexión Ferrol-A Coruña
Concentráronse no apeadoiro de Pontedeume para esixir máis frecuencias e novos horarios
Preparan unha gran mobilización para o 30 de novembro
O Foro Cidadán polo Ferrocarril continúa denunciando a deficitaria comunicación por tren das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, excluídas, sinalan, do proceso de modernización do transporte ferroviario. Esta mañá reclamaron máis frecuencias e mellores servizos no traxecto entre Ferrol e A Coruña, nunha viaxe reivindicativa que os levou ata Pontedeume.
Piden unha comunicación ferroviaria que se acomode ás necesidades dos usuarios. Daquela o tren volvería ser unha opción válida de transporte para os veciños de Ferrolterra e un elemento clave na dinamización da comarca.
"Canta máis xente utilicemos ese servizo e máis oferta teñamos, en mellores condicións estaremos para non quedar fóra dos investimentos que hai que facer nos próximos anos, porque se non perderemos décadas", afirma Fernando Ramos, voceiro do Foro Cidadán polo Ferrocarril.
"Tamén pedimos que a Xunta pida as transferencias das proximidades e que o Goberno do Estado sufrague os gastos, como fixo con outras autonomías, da modernización do transporte", engade Xulia Díaz.
O Foro Cidadán polo Ferrocarril reivindica un tren do século XXI que rescate a comarca do illamento. Esta semana sumou o apoio dos alcaldes da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.
"O tren é deficitario ou non existe, no noso caso non temos parada. Apoiamos esta reivindicación, que é a nosa desde hai moitos anos", di a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy.
"Reiteramos a necesidade de que a veciñanza de Ferroltera estea comunicada coa Coruña e co resto do territorio galego e de España cunha conexión do século XXI e non como a que temos agora, que está como practicamente se inaugurou hai cen anos", reclama Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume.
Despois de se concentraren no apeadoiro de Pontedeume camiñaron ata o Concello para dar lectura ao manifesto. O Foro prepara unha gran manifestación polo dereito ao tren para o próximo trinta de novembro.