Tráfico fluído na feira de gando de Pedrafita tras a apertura da variante da A-6
O desvío estará operativo mentres non se dea amañado o viaduto do Castro
Día da feira anual do gando en Pedrafita do Cebreiro. É un día clave para avaliar a eficacia do ramal habilitado polo Goberno co obxectivo de reducir á metade o tráfico que atravesa a localidade. O desvío estará operativo mentres non se dea amañado o viaduto da A-6.
Segundo chegaban os feirantes ían baixando o gando dos camións e colocándoo para a súa exposición. O acceso principal ao recinto atravesa polo medio da vila. Malia a feira, non había ningún tipo de retención.
Andrés, produtor de allos natural de León, que sempre vén facer esta feira, coméntanos que tampouco tivo problema ningún.
Este domingo o carril en sentido de Galicia a Madrid da estrada que atravesa Pedrafita estaba practicamente baleiro. Se non fose pola feira, estaría nos niveis anteriores a que empezasen as obras na A-6.
Estímase que a construción da variante que desvía o tráfico fixo que os vehículos que atravesan a localidade descenderan á metade, de dez mil a cinco mil.