Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os gandeiros volven sacar os tractores á rúa para esixir un prezo digno do leite

Os gandeiros volven sacar os tractores á rúa para esixir un prezo digno do leite

A Xunta insta o Goberno a aplicar a Lei da Cadea Alimentaria coa Conta Láctea

Os gandeiros advirten de que se non soben o prezo do leite terán que pechar

Esixen un prezo mínimo de 40 céntimos o litro do leite en orixe

Os gandeiros volven rodear a muralla de Lugo cos seus tractores
G24.gal 04/11/2021 14:36

Marcha fúnebre do sector gandeiro por Lugo. Centos de gandeiros maniféstanse para esixir un prezo digno para o leite en orixe. Os tractores rodearán a muralla ata as cinco da tarde. 

"Ou sobe o prezo do leite ou pechamos, non hai volta de folla", aseguran. "Estamos traballando a perdas e gastando do remanente que tiñamos para facer viables as explotacións, so hai dúas solucións: pechar ou pechar".

Os altos custos de produción acurralan o sector. "Subiron os concentrados, luz, gasóleo..., así non hai forma de dar aguantado". En cifras, engaden, "os custos de produción subiron entre un 20 e un 30 por cento".

Corenta céntimos por litro é o prezo mínimo que esixen para poder cubrir gastos e subsistir. "Mentres a situación estea así, non pode estar por debaixo", explican. Si subiu nos lineais dos supermercados, pero non para o produtor. "O litro de leite está a 70, 75 céntimos, pero a nós págannolo a 32", lamentan.

Quéixanse de que siga sen aplicarse a lei da cadea alimentaria que debería garantir que o prezo cubra os gastos. "Queremos un prezo que nos garanta vivir, o prezo ten que se acorde co que che custa producir", así o explica José Luis Pérez, presidente da asociación Agromuralla.

Gandeiros coma Luís, que con 28 anos decidiu seguir o camiño de seus pais facéndose cargo da explotación familiar, non ven futuro: "Este martes volveu subir dez euros a tonelada de penso. É que che quitan as ganas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade