Traballo pacta con CCOO e UXT subir o salario mínimo un 3,1% en 2026, ata os 1.221 euros ao mes
O acordo terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro
"Non puidemos incorporar a patronal, como sería a nosa vontade", dixo o secretario de Estado de Traballo
O Ministerio de Traballo acadou un acordo con CCOO e UXT, sen a patronal, para subir o salario mínimo interprofesional un 3,1% en 2026, ata os 1.221 euros mensuais en catorce pagas, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro.
Así o anunciou o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, tras a última reunión da mesa negociadora, na que non participaron a CEOE nin Cepyme.
"Non puidemos incorporar a patronal, como sería a nosa vontade, a este acordo de diálogo social. Negociamos sen descanso e buscamos propostas e contrapropostas para que CEOE e Cepyme puidesen acompañarnos hoxe, pero finalmente non foi posible", afirmou Pérez Rey.
O número dous de Traballo explicou tamén que o ministerio asumiu o compromiso de impulsar unha reforma do decreto do salario mínimo interprofesional para evitar que os complementos salariais poidan ser absorbidos.
"Non é posible que as subas do salario mínimo se perdan polo camiño e non cheguen ao peto das persoas traballadoras. Imos reformar as regras de absorción e compensación", subliñou.
A CEOE amosa a súa “indignación”
En paralelo á reunión de diálogo social, a CEOE mantivo un Comité Executivo Extraordinario en que os empresarios amosaron o seu rexeitamento á proposta de suba e consideraron “unha falta de respecto e un desprezo ao diálogo social” a forma coa que Traballo conduciu a negociación.
Fontes da CEOE sinalaron ademais que a suba é “unha trampa”, porque Traballo impedirá tamén a compensación e absorción dos complementos salariais, o que levará “a un incremento exponencial dos custos e asfixiará un gran número de empresas”.
Os sindicatos celebran o acordo
Os sindicatos celebraron a sinatura do acordo para non dilatar unha suba que, lembraron, vai dirixida a traballadores con “salarios de subsistencia” e lamentaron que a patronal se opoña.
O secretario confederal de Acción Sindical de CCOO, Javier Pacheco, criticou a actitude da CEOE “poñendo trabas” a subir estes salarios e cualificou de “circo” a dilación do proceso de negociación.
O vicesecretario xeral de política sindical da UGT, Fernando Luján, tamén amosou a súa satisfacción por pechar a suba e acabar coa incerteza dos traballadores que perciben o SMI.