Torcuato Teixeira: "Non ten sentido que o peixe pague máis IVE que o pan ou o leite"
As confrarías de pescadores insisten en que rebaixar o IVE do peixe faría aumentar as vendas e que houbese máis xente que comese un alimento san e nutritivo
As confrarías de pescadores insisten en que rebaixar o IVE do peixe faría aumentar as vendas e que houbese máis xente que comese un alimento san e nutritivo.
Son as palabras que deixou hoxe no Galicia por diante o asesor da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, o coruñés Torcuato Teixeira.
"É unha medida que axudaría a que a poboación comese un produto como é o peixe, san e nutritivo, e que, no que se deriva do que pesca a frota española, é moi sostible".
"É un alimento de primeira necesidade, como pode ser o leite ou o pan. Non ten moito sentido que o peixe teña un IVE diferente a estes produtos alimentarios. Se se rebaixa o IVE, axudaría a que o consumidor tivese máis facilidades á hora de mercar seguramente o peixe, aínda que hai un problema en orixe, non só da pesca senón doutros sectores primarios que habería que estudar e ver que non haxa eses desfases e esas descompensacións entre o que se lle paga ó produtor e despois o que paga o consumidor".
Torcuato Teixeira, tamén denunciou que "hai máis armadores pendentes dunha posible convocatoria para dar de baixa barcos que dun aumento de cota". E explicou que o sector está nunha situación de gran debilidade polo encarecemento do gasóleo, a escaseza de cotas ou a probable prohibición de traballar en moitas zonas de pesca.