Tiran seis porcos mortos nun regato da Laracha
Buscan o responsable do delito ambiental, que puido crear un problema sanitario
Gesuga encárgase da recollida de animais mortos, para evitar problemas de contaminación ambiental
A imaxe é desoladora, á parte de propia doutro tempo. Seis porcos mortos tirados no leito do Rego da Graña.
"Non é a primeira vez que tiran aquí reses, gando vacún, unha tenreira", lembra un veciño.
"Isto ten que ser obra dun desaprehensivo, tirar seis crías de porco nun río", critica Ramón Martínez, concelleiro de Medio Ambiente da Laracha.
Atopáronos no leito do Rego da Graña e dar co responsable non é sinxelo. Quen o fixo actuou con aleivosía, nun lugar pouco transitado, sen deixar apenas rastro.
"Isto non pode ser dunha casa particular. Hoxe en día aquí ninguén ten esa cantidade de porquiños na casa. Penso máis en alguén que se dedica a iso, nunha granxa. Tamén é raro porque eles suponse que seguen as normas, que ven o camión a recollerlles os animais que morren. Por iso estou alucinando", especula unha muller que vive preto.
Un veciño deu a voz de alarma, evitando males maiores
"Se este residuo non se descubrira agora que os porcos están nunhas condicións normais, e houbera unha descomposición, podería ter unha consecuencia sanitaria", advirte o concelleiro de Medio Ambiente.
Son prácticas doutros tempos que hoxe custa xustificar.
"No século XXI, suponse que esas cousas xa non se fan. É verdade que hai moitísimos anos, se tiraban ou se soterraban porque tampouco había outras solucións", explica a mesma muller.
"Agora recólleos Gesuga pero antes non os recollían e por non facer un burato e enterralos, contaminan o río", coincide o veciño.
O Concello asumiu a retirada dos animais, nada fácil, por certo.
"Houbo que facer un acondicionamento do terreo e sacáronse os porcos do río e deixáronse aquí nun lado para que Gesuga os poida recoller", explica Ramón Martínez.
Por riba do material, doe a falta de civismo, e o delito, porque o responsable, de dar con el, sería acusado dun delito ambiental.