Tim Gajser gaña o Mundial de motocrós o día que Prado sae do podio
Cuarto título do piloto esloveno na máxima categoría
Mal día para os pilotos galegos que non puideron rodar entre os mellores
O esloveno Tim Gajser proclamouse, a falta de dúas probas para o final, novo campión do Mundial de motocrós. Conseguiu os puntos que precisaba malia non facer en Finlandia unha carreira moi agresiva. Chegáballe con rematar entre os dez primeiros na segunda manga e acabou no sétimo posto.
O Grande Premio gañouno Glen Coldenhoff, noutro día de dominio de Yamaha. Coldenhoff tivo un incidente con Febvre na segunda manga, aguantouno e conseguiu rematar na primeira posición. Con el Seewer e Renaux completaron os tres primeiros postos.
Foi nunha xornada máis que discreta para os pilotos galegos. Jorge Prado estivo lonxe das prestacións habituais. Noveno na primeira manga e duodécimo na segunda. Rubén Fernández tampouco está a pasar polo mellor momento. Foi o décimo sexto na primeira manga e non rematou a segunda.
Os malos resultados fan que Prado saia do "Top 3" do campionato do mundo. Perde a posición en favor de Coldenhoff. Tamén cae ao sétimo posto Rubén Fernández na xeral do campionato.
