Terceiro roubo nunha froitería de Ourense
O ladrón quedou pechado no negocio co botín despois de entrar entre repartición e repartición dos panadeiros
Ao abrirlle a persiana pensando que era outro provedor fuxiu á carreira cos cartos da caixa rexistradora
No barrio ourensán da Ponte están preocupados co aumento da delincuencia
Continúa a vaga de roubos na cidade de Ourense. Esta mesma mañá un delincuente asaltou unha froitería do barrio da Ponte e roubou os cartos da caixa rexistradora. O curioso é que o fixo co negocio pechado, aproveitando que a persiana estaba aberta entre repartición e repartición dos panadeiros. O ladrón quedou pechado na froitería co botín e tivo que petar para poder saír, fuxiu á carreira sen que o conseguiran coller.
Eran preto das sete da mañá cando unha das propietarias desta froitería de Ourense recibiu a chamada dun provedor. Acababan de roubarlle, un home entrou aproveitando que a persiana estaba aberta entre repartición e repartición para coarse dentro.
O panadeiro, xa desconfiando de que se trataba dun ladrón, mandoulle abrir a mochila, pero fuxiu á carreira cos cartos que había na caixa rexistradora; seguírono varias persoas sen éxito.
Sospeitan que se trata dun delincuente habitual, pero de momento a Policía Nacional non o detivo. No barrio ourensán da Ponte están preocupados polo aumento da delincuencia. De feito, a froitería que esta mañá foi asaltada xa sufriu tres roubos.
Tras continuos roubos, xa nunca deixan billetes na caixa rexistradora, pero xusto onte deixaran bastante moedas con cambios. Máis de 150 euros. Foi o que conseguiu o ladrón que quedou pechado na froitería.