Tenerife, un rival ferido para un Breogán con moitas baixas
O equipo canario pecha a clasificación da liga Endesa tras encadear tres derrotas ante Unicaja Málaga, Valencia e Ucam Murcia
O partido que enfrontará a Río Breogán e Lenovo Tenerie este sábado podería levar a enganos. O club que dirixe Txus Vidorreta pecha a táboa tras perder os seus tres primeiros partidos ante Unicaja (98-75), Valencia (86-94) e Ucam Murcia (80-68), pero dispón dun gran equipo, practicamente o mesmo que finalizou en cuarta posición a tempada pasada.
É un rival que afronta ferido -e necesitado- o choque. O Río Breogán, a pesar das adversidades que o acompañaron neste infeliz inicio de tempada -baixa de Sisko, lesións de Nakic, Agravanis, Polite, de novo Agravanis-, afrontará o duelo deste sábado co obxectivo de plantarlle cara ao conxunto canario.
Tito Díaz, director xeral do club celeste comentou este xoves que "o equipo está unido e forte e o ambiente é realmente bo". A mocidade do equipo e as moitas novidades que presenta, fan que a conxunción de todas as pezas non resulte sinxela.
"Todo este proceso leva un tempo e esta competición é dura e moi longa", engadiu Díaz.
Dez xogadores terá dispoñibles Velkko Mrsic: os bases Sergi García e Érik Quintela, os escoltas Sergi Quintela e Albert Ventura, os aleiros Matas Jogela e Stefan Momirov, os á-pivotes Matej Rudan e Juan Fernández e os pivotes Martynas Sajus e Mouhamet Diouf.
"Imos con alegría, intentar xogar bo baloncesto e a ver onde nos leva"
"Tenerife non engana, coñecemos a súa calidade"
A gran vantaxe coa que conta o técnico serbio é que as posicións nas que poden actuar son cambiantes, tal e como foi probando durante a pretemporada.