Pena máxima polo empate do Deportivo en Tenerife
Yeremay fallou un penalti no minuto 12 que puido decidir o encontro
O Deportivo estivo mellor no primeiro tempo e sufriu no segundo ante un equipo que está en descenso
O Deportivo non pasou do empate no campo do Tenerife (0-0). Houbo un tempo para cada equipo. No primeiro, Yeremay fallou un penalti, e, no segundo, Helton converteuse no máis destacado dos coruñeses.
O inicio do partido foi moi bo para o cadro coruñés. Nos primeiros dez minutos pisou en tres ocasións con perigo a área do Tenerife. Nunha desas xogadas, e despois da consulta no VAR, o colexiado pitou penalti por man de David Rodríguez. Un canario como Yeremay Hernández tomou a responsabilidade, pero estrelou o lanzamento contra o traveseiro.
Yeremay e Mella seguían levando perigo en cada aparición pola súa habilidade e velocidade. Non marcou o Deportivo no primeiro tempo contra un Tenerife que inquietou nunha cabezada de Diarra e noutra xogada en que Petxarromán rozou o penalti cunha falta no límite da área.
Comezou mellor o equipo local o segundo tempo. Probou sorte Ángel no 52 e pouco despois a defensa do Deportivo rexeitou unha dobre oportunidade. Á contra buscaba o gol o equipo de Gilsanz e puido atopalo nunha acción entre Yeremay e Villares na que o chairego non conseguiu superar a Badía.
O Tenerife tivo as máis claras do partido no último cuarto de hora. Helton apareceu providencial para tapar o remate de Enric Gallego e volveu intervir salvando unha cabezada de Diarra. No engadido o Deportivo perdeu a oportunidade de gañar o partido nunha contra levada por Barbero e culminada por Gauto ao exterior da rede.